Filoloxía será a comezos de setembro punto de referencia para os expertos internacionais en análise do discurso
O primeiro Taller Internacional de Santiago de Compostela sobre a Análise do Discurso (IWoDA’1 1) celebrarase na Facultade de Filoloxía o próximo mes de setembro, entre os días 5 e 9. Organízano os grupos de investigación Scimitar, que lidera a catedrática Mª de los Ángeles Gómez, e D&I (Discurso e Identidade) que coordina o profesor José Manuel Barbeito, coa colaboración doutros tres grupos da Universidade da Coruña, AMERGIN, CLIN e MUSTE. O obxectivo será a posta en común de técnicas, metodoloxías e ferramentas diversas para analizar, realizando estudos de caso, o discurso dende distintas perspectivas (lingüística, literaria, crítica, fílmica, cognitiva,/psicolingüística, sociolóxica ou semiótica). Esta iniciativa permitirá tamén o establecemento de sinerxías entre investigadores, grupos de investigación e institucións, de xeito que IWoDA se constitúa nun referente internacional no ámbito dos estudos discursivos interdisciplinarios. En calidade de relatores convidados, participarán prestixiosos académicos e recoñecidos especialistas de renome internacional como Christopher S. Butler, Mike Scott, Paul Baker, Peter Stockwell, Melissa Moyer ou Constantino Arce, ademais dunha trintena de expertos de todo o mundo, entre lingüistas, psicólogos, sociólogos ou filólogos, como integrantes do Comité Científico. Entre eles, atópanse Douglas Biber, Ian Parker, Ruth Wodack, Alexandra Georgakopoulou, Angela Downing ou David Kaufer, entre outros.
Toda a información relativa a IWoDA’11 está dispoñible na súa propia web en http://www.usc.es/congresos/iwoda/index.html.