Filoloxía edita o volume Alfonso X y otras escrituras del trovar

Filoloxía acolleu este mércores unha emotiva homenaxe ao catedrático Juan Paredes Núñez, docente de Filoloxía Románica da Universidade de Granada que ao longo da súa frutífera traxectoria académica mantivo unha liña de investigación centrada na lírica galego-portuguesa. Por este motivo, a área de Filoloxía Románica da USC recolleu nun volume editado pola USC unha selección dos seus traballos sobre esta temática para ofrecerllo como agasallo con motivo da súa xubilación.
No acto interviñeron, ademais do propio profesor Paredes, a profesora Mercedes Brea, en representación da área de Filoloxía Románica; a profesora Mariña Arbor, como secretaria da Asociación Hispánica de Literatura Medieval (AHLM) e da que o homenaxeado foi presidente; e o director do Servicio de Publicacións da USC, Juan L. Blanco Valdés.
O volume leva por título Alfonso X y otras escrituras del trovar e reúne unha trintena de achegas sobre os máis variados temas e matices polos que ten transitado a traxectoria investigadora de Juan Paredes. Edición de textos, estudo codicolóxico, ou aspectos históricos, lingüísticos e de xénero literario son algúns dos temas recollidos.