Filoloxía organiza unha mesa redonda sobre as saídas profesionais das súas titulacións
A xestión cultural, a mediación en conflitos, a interpretación ou a programación lingüística en contextos dixitais son algunhas das actividades emerxentes que se presentan como novas saídas profesionais para titulados e tituladas dos graos impartidos na Facultade de Filoloxía. Se ben tradicionalmente, o ensino era a saída laboral maioritaria para as titulacións humanísticas, fenómenos como a globalización e a irrupción das novas tecnoloxías están a transformar o horizonte profesional neste ámbito.
Partindo deste escenario, a Facultade de Filoloxía da USC está a impulsar distintas iniciativas encamiñadas a informar o estudantado sobre as saídas profesionais dos graos impartidos neste centro. O obxectivo é achegar un programa de formación continua que faga visible para o público interesado a polivalencia das profesións relacionadas co estudo das linguas e das culturas na actualidade.
A primeira actividade será unha mesa redonda para abordar a tradución especializada, a normalización e planificación lingüísticas e o traballo no mundo editorial. Celebrarase este martes 10 ás 17.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía e nela intervirán Rossanna Couto Lago, da Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación; Isabel Vaquero Quintela, do Servizo de Normalización Lingüística da USC; e Ana María Guerra Cañizo, directora de Edicións Obradoiro.