Fondo pesar polo falecemento do profesor de Ciencias Económicas e Empresariais Raúl Canay Pazos

Profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade dende 1994, era membro do grupo de investigación de Análise e Modelización Económica do IDEGA
A USC manifesta o seu fondo pesar polo pasamento do profesor da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais José Raúl Canay Pazos e súmase á dor da súa familia e amizades. Nado en Pontevedra en 1969, era profesor do Departamento de Economía Financeira e Contabilidade dende 1994.
Obtivo o grao de doutor en 2008 cunha tese de doutoramento sobre o uso de contornas virtuais de aprendizaxe nas universidades presenciais. Era membro do grupo de investigación de Análise e Modelización Económica do IDEGA e foi director do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe (CeTA) entre os anos 2003 e 2010, ademais de representante sindical.