Ir o contido principal
STG

Formación do Profesorado colabora co CEIP Anexa impulsando unha campaña de recollida de material educativo para enviar a Paiporta

A iniciativa solidaria pretende fornecer de libros e outros materiais de carácter didáctico a poboación infantil de 2 a 11 anos. FOTO: Santi Alvite
A iniciativa solidaria pretende fornecer de libros e outros materiais de carácter didáctico a poboación infantil de 2 a 11 anos. FOTO: Santi Alvite
Entre o 16 de decembro e o 10 de xaneiro, as persoas que desexen colaborar poderán adquirir libros e outros produtos de carácter pedagóxico nos establecementos da cidade de Lugo

A Facultade de Formación do Profesorado do Campus de Lugo da USC, en colaboración co CEIP Anexa, impulsa unha campaña de recollida de material educativo para enviar a Paiporta, unha das poboacións máis afectadas pola DINA que sufriu a comunidade valenciana o pasado mes de novembro. A iniciativa supón un esforzo de colaboración entre a facultade e os colexios lucenses. Por parte da USC, a coordinación recae en  Lina Iglesias e Fernando Hervella, profesora e conserxe de Formación do Profesorado, mentres que Iago Corral, director do CEIP Anexa, será quen coordine os colexios da capital lucense. A iniciativa solidaria pretende fornecer de libros e outros materiais de carácter didáctico a poboación infantil de 2 a 11 anos dos colexios públicos de Infantil e Primaria desta localidade de Valencia. As persoas que desexen colaborar poden acudir ás librarías da cidade de Lugo e mercar produtos pedagóxicos que despois serán enviados a Paiporta.  

Cada establecemento lucense disporá dunha listaxe de necesidades definida pola Asociación de AMPAS de Paiporta, entidade que recibirá o material recadado. “Dende a asociación enviáronnos unha lista dos materiais que máis precisan neste momento e centraremos a campaña en intentar satisfacer esa necesidade”, explica a profesora Iglesias. Deste xeito, as persoas participantes colaborarán adquirindo o material proposto na listaxe de cada comercio. Ademais, a campaña formula unha segunda vía de colaboración. En cada establecemento colaborador, colocarase un bote para a recollida de doazóns baixo o lema ‘Unha persoa, un euro’, tamén destinado á compra de material educativo nese mesmo establecemento.  “Pretendemos sensibilizar a poboación de Lugo de que un pequeno xesto realizado por moitas persoas pode ser moi importante para lograr un obxectivo e marcar a diferenza na vida de moita xente”, engade Lina Iglesias.

A campaña, que se estenderá do luns 16 de decembro ata o venres 10 de xaneiro, terá dous puntos de recollida do material previamente adquirido. Do 16 ao 20 de decembro e do 7 ao 10 de xaneiro, o material poderá entregarse na Conserxaría da Facultade de Formación do Profesorado (Avda.Ramón Ferreiro s/n), mentres que do 16 de decembro ao 10 de xaneiro (en días laborables), os libros e xoguetes poderán depositarse na Biblioteca Intercentros do campus universitario. Unha vez rematada a campaña, o material recadado será entregado á Asociación InterAmpa de Paiporta.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.12.2024.