Formación do Profesorado lembra o pedagogo americano John Dewey cunha mostra da súa obra bibliográfica
A Facultade de Formación do Profesorado do Campus Terra da USC mantén aberta ata o vindeiro venres 16 de setembro unha mostra “in honorem” a John Dewey, na que se compila boa parte da obra deste filósofo, psicólogo e pedagogo americano, considerado unha das figuras mais representativa da pedagoxía progresista.
Esta exposición, montada polo persoal da biblioteca da Facultade de Formación do Profesorado en colaboración co profesor da USC Antón Costa Rico e que se pode visitar na Sala de Graos e de Investigación do centro universitario lugués, inclúe obras de Dewey traducidas ao español baixo os impulsos “republicanos”, exemplares da obra cumio de Dewey ‘Democracia e Educación’ en galego, portugués e francés, edicións posteriores de textos de Dewey en español, edición crítica e de referencia de textos de Dewey, e estudos sobre o autor americano. Esta mostra sobre Dewey, organizada co gallo da celebración en Lugo do VIII Encontro Ibérico de Historia da Educación, xira arredor da súa obra máis emblemática ‘Democracy an Education. A introduction to the Philosophy of education’ e máximo expoñente da defensa do ensino centrado no neno. De feito, logo de lembrar que Dewey significou un dos máximos mentores da escola nova e progresiva, cómpre dicir que ‘Democracia e Educación’ amósase como un entusiasta manifesto da new era na educación, de notable influencia no século XX e de importante referencia a ter en conta na pedagoxía do século XXI.
Os fondos que compoñen esta exposición proveñen de diversas bibliotecas da Universidade de Santiago nos seus campus de Compostela e de Lugo, tal e como o son as das facultades de Ciencias da Educación, Filosofía, Historia, Biblioteca Concepción Arenal e Facultade de Formación do Profesorado de Lugo. Esta mostra viaxará de Lugo á Facultade de Ciencias da Educación de Compostela, onde todas as persoas interesadas nesta temática poderán visitala a partir do 19 de setembro.