Ir o contido principal
STG

Un foro de enfermaría aborda no Hula a humanización dos coidados e a diagnose e atención en urxencias e emerxencias

Asistentes ás xornadas de enfermaría 'Intercambiando experiencias para crecer' desenvolvidas no Hula
Asistentes ás xornadas de enfermaría 'Intercambiando experiencias para crecer' desenvolvidas no Hula
Máis de 350 asistentes, entre estudantes, profesores e profesionais sanitarios participan no foro organizado pola Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo

A humanización dos coidados intensivos e a rápida diagnose de enfermaría e clasificación da gravidade dos doentes en casos de urxencias e emerxencias centran a temática da vixésima primeira edición das xornadas de enfermaría, un foro organizado pola Escola de Enfermaría do campus de Lugo da USC en colaboración coa Xerencia de Xestión Integrada de Lugo, Cervo e Monforte, así como co Colexio Oficial de Enfermaría de Lugo, no que participan este mércores no Hospital Universitario Lucus Augusti (Hula) máis de 350 asistentes, entre estudantes universitarios, profesores e profesionais do sector sanitario.

O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o director xerente do HULA, Ramón Ares Rico; a directora de Procesos de Enfermaría, EOXI Lugo, Cervo e Monforte, María Jesús Pérez Taboada; a presidenta do Colexio de Enfermaría de Lugo, Lurdes Bermello López, e a directora da Escola Universitaria de Enfermaría do campus de Lugo, Asunción Núñez Magdalena, participaron na sesión de apertura destas xornadas monográficas, que se desenvolven baixo o lema ‘ Intercambiando experiencias para crecer’. Un relatorio co título ‘O coidado do invisible: Proecto HU-CI’, a cargo de Gabriel Heras de la Calle, médico especialista en coidados intensivos do Hospital Universitario de Torrejón, abriu a quenda de relatorios deste foro. Na súa intervención, Heras de la Calle, presentou o proxecto de investigación internacional ‘Humanizando os coidados intensivos (HU-CI)’, unha proposta para cambiar o paradigma da atención sanitaria que nace co obxectivo de incentivar a motivación e a implicación dos profesionais sanitarios en aras a afondar na humanización no seu ámbito profesional. Unha vez rematado o relatorio inaugural, atención a urxencias hospitalarias e emerxencias extra hospitalarias centrou a temática dunha mesa de debate guiada por Marisol Vilariño e na que interviñeron como relatores Natalia Rodríguez Arias e Bruno Eiras Tasende, enfermeiros asistenciais de base do 061 en Ourense e Coruña, respectivamente, ademais da coordinadora de Enfermaría da Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061, María Pedreira Pernas. Os diagnósticos enfermeiros na urxencia e emerxencia, un proceso coñecido como Triaxe e que implica a toma de decisións baseadas na información incompleta achegada por doentes e/ou vítimas para determinar a gravidade da enfermidade ou lesións que presentan e dispensar a atención máis acaída, ademais de que mellora a xestión sanitaria e favorece a optimización dos recursos dispoñibles, capitalizaron a temática deste debate. Ao seu remate e a xeito de colofón, Ángeles Viña e Eva María Fernández ofreceron o relatorio ‘Triar. Moito máis que clasificar’. A visita aos pósteres instalados na entrada do salón de actos do Hula e a presentación de comunicacións orais no marco dunha sesión guiada por Mario Rivas deron continuidade a estas xornadas de enfermaría, que remataron, xa en quenda de tarde, coa presentación de diversos traballos de fin de grao elaborados por estudantes do grao de Enfermaría no curso 2014-2015. Nesta sesión, guiada por María Jesús Regueiro e centrada na investigación no eido da enfermaría, participaron como relatores Patricia Neira Somoza, Diego Fernández Bustillo, María Rocío López López e Nuria Coya Enríquez. Pérez Taboada, Bueno, Ares, Núñez e Bermello, na apertura das xornadas

Os contidos desta páxina actualizáronse o 13.04.2016.