Ir o contido principal
STG

A fotografía dixital gañadora do certame '150 Aniversario de Farmacia' escollerase cunha votación popular en internet

O prazo para seleccionar a mellor imaxe mantense aberto ata o 6 de maio

A Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago, xunto coa Agrupación Mutual Aseguradora, mantén aberto ata o 6 de maio o prazo para votar a través da páxina web do centro pola mellor imaxe dixital do certame de fotografía ao que se presentaron un total de 177 traballos e co que se conmemora, entre outras actividades, o 150 Aniversario de Farmacia na USC.
No caso da mellor fotografía tradicional, un total de 43 participantes presentaron 58 obras, de entre as que o xurado seleccionará a gañadora durante a primeira semana de maio. Presidido polo decano da Facultade, José Miñones Trillo, este xurado estará composto por profesores, fotógrafos e membros do mundo da imaxe, que valorarán a orixinalidade, calidade artística, contido e actualidade dos traballos presentados. Será tamén quen seleccione a serie de fotos que se exhibirán nunha exposición a celebrar na Facultade e que posteriormente formarán parte dun catálogo.
Os premios, que se darán a coñecer o 22 de maio, concederanse en función das devanditas modalidades. Así, mentres que na categoría dixital será un único galardón de 250 euros, na modalidade tradicional o primeiro premio estará dotado con 750 euros, o segundo con 500 e un terceiro con 250 euros, este último concedido entre os integrantes ou licenciados da Facultade de Farmacia da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 30.04.2007.