Ir o contido principal
STG

'Fotografía, edición e artes gráficas na Galicia do XX', nova exposición na Igrexa Universitaria

Portada da revista 'Vida gallega' na mostra 'Fotografía, edición e artes gráficas. Galicia, 1900-1978'
Portada da revista 'Vida gallega' na mostra 'Fotografía, edición e artes gráficas. Galicia, 1900-1978'

Fotografía, edición e artes gráficas. Galicia, 1900-1978 é a nova exposición que a Vicerreitoría de Cultura e o Centro Galego de Artes da Imaxe propoñen para a Igrexa Universitaria. A mostra ofrece un novidoso panorama do amplo diálogo establecido entre o fotográfico e o mundo das artes gráficas, a edición e o xornalismo, desde postais, cromos, revistas gráficas, fascículos e albumes gráficos, á prensa de masas e a fotografía artística.
A inauguración da exposición, que permanecerá aberta ata o 17 de xuño, terá lugar este luns, 14 de maio, ás 20:00 horas nun acto ao que asistirá o comisario da exposición, Xosé Enrique Acuña.
A imaxe dun país, da súa cultura e da sociedade que o sustenta vén sendo nidiamente definida e marcada pola aparición da fotografía a mediados do século XIX. Paralelamente á súa invención, o afán pola súa socialización foi así mesmo coincidente coa mecanización dos métodos de impresión e unha imparable mellora da estampación gráfica.
Fotógrafos e editores galegos mostráronse atentos á evolución dos métodos de estampación, industrial ou artesanal, ata cadrar con fenómenos decisivos para a distribución da imaxe gráfica como foi o da aparición das cartas postais ou o nacemento das revistas ilustradas. Así, desde 1900 sobre todo repercuten en Galicia tendencias modernizadoras das linguaxes xornalística e publicitarias que se proxectarán cara a sociedade a xeito dun repertorio de propostas autoxeradoras dunha imaxe propia. Postais, folletos propagandísticos, gravados fotográficos, revistas gráficas e a inserción, máis tarde, da fotografía nos medios de comunicación de masas, servirán de axentes modernizadores en clave interna, á vez que, espalladores dunha determinada imaxe de Galicia cara o exterior.
O reflexo de toda esta actividade en torno ao diálogo comercial e artístico entre a fotografía e a edición verase concretado en centos de produtos editoriais nados en Galicia ou fóra dela que configuran unha imaxe, entre real e tópica, da sociedade do momento e do grao de desenvolvemento cultural e artístico.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.05.2007.