O fotógrafo José Manuel Soares aproximará as comunidades universitarias de Compostela e Porto nunha mostra en Fonseca

Un total de 40 retratos fotográficos de universitarios/as de Santiago de Compostela e de Porto conforman os contidos da exposición que a partir do próximo mércores se poderá visitar no Colexio de Fonseca froito do proxecto ‘Marxes’, desenvolvido polo fotógrafo José Manuel Soares. Como explica o seu autor, “nos ollares, deixados en xeométricas molduras, permanecen visibles universos persoais. Escondidos, aínda que, nalgúns casos cómplices, faltan por contar as historias que nos unen”. Este proxecto expositivo presenta a alumnado e profesorado de distintas nacionalidades “que se cruzan en universos idénticos”, neste caso na Facultade de Filoloxía de Santiago e noutros lugares da Universidade de Porto. José Manuel Soares (www.josemanuelsoares.com) divide a súa actividade profesional entre a fotografía e o ensino. Creou Edicións Portáteis, especializada en fotografía, e expón dende o ano 1995. No seus comezos, a súa actividade profesional estivo asociada ao exercicio do fotoxornalismo en xornais como Primeiro de Janeiro, O Jogo, Tal & Qual, Diário de Noticias e en Revista Pois!, Réponses Photo e Photo, entre outros. Ademais, ten desenvolvido traballos publicitarios e participou na publicación de diversos libros de texto.