A fraseoloxía, a análise nunhas xornadas en Santiago

Portadoras dunha gran carga expresiva e moi comúns na interacción cotiá, as unidades fraseolóxicas e paremiolóxicas permiten reparar na dimensión figurativa da linguaxe usual e no seu papel para a conservación do patrimonio léxico. Ademais de ser fundamentais para lograr o dominio instrumental dunha lingua, son unha valiosa ferramenta na aula para dar a coñecer ao alumnado as particularidades socioculturais de cada comunidade lingüística.
Precisamente esta semana estanse a celebrar en Santiago as xornadas de Fraseoloxía Multilingüe na Aula, cuxas primeiras xornadas tiveron lugar na Facultade de Filoloxía e a última, deste sábado 12, será no Mupega.
Dirixidas por Carmen Mellado Blanco e Mª Isabel González Rey, as xornadas buscan ser un espazo de encontro e reflexión conxunta sobre a fraseoloxía entre o profesorado de linguas en educación secundaria e universitaria, tanto de lingua materna coma estranxeira.
Participan nelas profesionais especializados no ensino de galego, castelán e doutras linguas europeas, que combinan sesións de carácter expositivo e práctico, desde a presentación de materiais que facilitan a aprendizaxe autónoma até obradoiros para a súa elaboración.
Os relatorios do sábado xirarán en torno ás novas tecnoloxías para o ensino/aprendizaxe das unidades fraseolóxicas en inglés, a fraseoloxía na publicidade –con especial atención ao francés e portugués– ou a mitoloxía no indoeuropeo.