Ir o contido principal
STG

A Fundación Banco Santander saca á luz na USC obras dun Cunqueiro inédito e milagroso

Os sete contos inéditos descubertos en 2011 polo colaborador do Instituto da Lingua Galega da USC Xosé A. López Silva xunto con artigos xornalísticos non recollidos ata a actualidade en publicación algunha ven agora a luz no libro De santos y milagros, novo volume da Colección Obra Fundamental da Fundación Banco Santander, que este xoves se presentou no Colexio de Fonseca. Interviñeron o vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; o director xerente da Fundación promotora, Borja Baselga; o escritor Manuel Rivas; o director de Editorial Galaxia, Víctor Fernández Freixanes; e o encargado da edición Xosé A. López Silva. De santos y milagros é unha antoloxía que recompila unha ampla e variada serie de artigos e historias descoñecidas do escritor Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911- Vigo, 1981) que publicou en diferentes periódicos e revistas dende os inicios da Guerra Civil ata a súa morte e que ata agora no tiñan sido recollidos nun libro. Ademais, o volume presenta sete contos inéditos aparecidos entre 1945 e 1946 na revista Catolicismo, absolutamente esquecidos e descubertos en 2011 polo profesor López Silva. O volume está prologado por César Antonio Molina, quen sinala de Álvaro Cunqueiro que “se fugou da vida a través da súa literatura”. Para Borja Baselga, director de la Fundación Banco Santander, “este novo volume de Obra Fundamental revela un Cunqueiro esencial para a narrativa española, grazas a un conxunto de textos que son o colofón idóneo ao seu centenario, como demostra a reedición do volume en menos dun mes”. López Silva, antólogo do libro, buscou ofrecer unha panorámica sobre un tema relevante, distintivo e enormemente funcional na obra de Cunqueiro como a haxiografía, “era necesario recuperar o valor dun escritor cun estilo profundamente persoal, cheo dun gran sentido do humor, pero tamén con enormes cargas de nostalxia”, afirma. Novelista, poeta, guionista, dramaturgo, xornalista, Cunqueiro acercouse á literatura nas súas más variadas formas. “Cos libros que soñou escribir se podería levantar esa biblioteca extraordinaria que completaría a que é realidade cos libros que escribiu”, comenta Manuel Rivas, “ él mesmo parece un tesouro de creación inesgotable”. Neste sentido coincide Víctor Freixanes, director da editorial Galaxia, que posúe os dereitos da obra cunqueiriana, “os seus textos xornalísticos, ensamblados, constitúen verdadeiros retablos literarios. Cunqueiro é un universo, como o é Valle-Inclán. Son escritores irrepetibles”. A antoloxía Consta de 138 artigos ata agora non publicados en ningunha obra anterior procedentes de Faro de Vigo, La Vanguardia, ABC, La Voz de España, Aire Azul, Misión, Catolicismo, ademais de sete relatos de ficción que Cunqueiro escribiu baixo o pseudónimo de Álvaro Labrada, e que Xosé Antonio López Silva atopou mentres analizaba uns textos haxiográficos. Ata o momento estes relatos pasaron completamente desapercibidos para a crítica, pese a ser de enorme importancia para o coñecemento da actividade literaria do escritor a partir da retirada do carné de xornalista en 1944 e permitir comprender mellor a elaboración da súa obra posterior en lingua galega e castelá.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.05.2012.