Ir o contido principal
STG

A Fundación CEER cumpre 20 anos dinamizando a cooperación interuniversitaria da Eurorrexión

A Fundación CEER desenvolverá un amplo programa de actividades ao longo deste ano
A Fundación CEER desenvolverá un amplo programa de actividades ao longo deste ano
Desenvolverá un amplo programa de actividades ao longo de 2024

Dende que se constituíu en xuño de 2004, a Fundación CEER serviu de elemento dinamizador das relacións de cooperación entre as seis universidades públicas da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. Co  gallo do seu 20 aniversario, a entidade que hoxe dirixe o profesor de Xeografía da USC Ángel Miramontes desenvolverá este ano un amplo programade actividades para dar a coñecer o seu traballo así como os retos de futuro.

Teñen sido 20 anos de impulso de proxectos colectivos de excelencia, estratexias e retos que, en conxunto, contribúen ao desenvolvemento da Eurorrexión, converténdose nun referente europeo da cooperación territorial.

Nesta traxectoria de intenso traballo, a Fundación CEER participou e promoveu varios proxectos conxuntos, como UNISF, Atlantic Positive, Atlantic Sunset ou Iacobus, á vez que promoveu máis de 50 redes de traballo con especialistas en diferentes áreas de actividade, logrando recadar máis de 25 millóns de euros en diferentes programas europeos e estatais.

Con motivo do seu 20 aniversario, a Fundación conta cunha nova páxina web - www.fceer.org- coa que renova a súa imaxe dixital e recolle información sobre todo o traballo de cooperación interuniversitaria da Eurorrexión.

Ademais, está previsto o desenvolvemento dun macrocongreso organizado no marco do proxecto POCTEP Red Iacobus xunto coa Agrupación Europea de Cooperación Territorial da Eurorrexión Galicia–Norte de Portugal (GNP, AECT) no que se presentarán os fitos alcanzados na FCEER nestes 20 anos así como accións futuras.

Xa entre os meses de setembro e outubro terá lugar o acto central de celebración dos 20 anos da FCEER, que reunirá os máximos representantes institucionais eurorrexionais como son as 6 universidades públicas da Eurorrexión, a Xunta de Galicia, a CCDRN e a GNPAECT. Este acto conxunto dará saída a seis xornadas específicas en cada unha das universidades socias da FCEER para tratar asuntos de máxima relevancia coas persoas representantes dos centros e servizos de interese estratéxico para estas institucións.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.06.2024.