Ir o contido principal
STG

Os galardóns da Real Academia de Farmacia de Galicia recoñecen o talento investigador da USC

De esquerda a dereita, Mellid, Samaridou e Martínez Ledo. FOTO: CiMUS
De esquerda a dereita, Mellid, Samaridou e Martínez Ledo. FOTO: CiMUS
Rocío Mellid Carballal, mellor expediente académico do Grao en Farmacia, recolle o seu galardón xunto coas investigadoras da USC Eleni Samaridou e Adriana Martínez Ledo
Santiago de Compostela

A Real Academia de Farmacia de Galicia entrega este martes, a partir das 19.00 horas, os seus galardóns no Antiguo Hospital de San Roque de Santiago de Compostela.  O Premio Antonio Casares Rodríguez patrocinado polos Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia ao mellor expediente académico do Grao en Farmacia que finalizou os estudos no curso 2019/2020 na USC, entregarase á farmacéutica Rocío Mellid Carballal. Estre galardón está dotado con 600 euros.

Pola súa parte, o VII Premio Julián Francisco Suárez Freire recaeu en Eleni  Samaridou. Este galardón diríxese a mozos investigadores menores de 35 anos que publicasen durante o ano 2020 un traballo orixinal realizado nunha institución galega sobre un tema relacionado co medicamento dende as súas fases temperás de I+D ata a cadea de distribución e ten unha dotación económica de 3000 euros. Samaridou foi premiada por un estudo que describe unha nova  nanotecnoloxía que permite a entrega de microARN (miRNA) dende o nariz directamente ao cerebro como nova terapéutica para tratar a  enfermidade de Alzheimer, e que foi publicado na revista Biomaterials en 2020. A investigadora galardoada pertence ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e  Enfermidades Crónicas da USC (CiMUS). Ademais, concedeuse un  accésit de excelencia a Adriana Martínez Ledo, tamén do CiMUS, polo estudo de novas tecnoloxías para a rexeneración de tecidos.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.06.2021.