Ir o contido principal
STG

O galego cobra folgos en Veterinaria

De esquerda a dereita, Xusto Rodríguez, Marta López, Yolanda Fontán, Antía Martínez e Germán Santamarina, na Facultade de Veterinaria
De esquerda a dereita, Xusto Rodríguez, Marta López, Yolanda Fontán, Antía Martínez e Germán Santamarina, na Facultade de Veterinaria
A Facultade e o SNL da USC ofrecen ao alumnado material de estudo en lingua galega dun terzo das materias da titulación e estimulan o uso deste idioma con campañas de sensibilización e concursos
Lugo

O galego, unha das dúas linguas oficiais da USC, está a recobrar folgos na Facultade de Veterinaria grazas ás diversas iniciativas de estímulo a prol do uso desta lingua promovidas desde o equipo de dirección e a Comisión de Normalización Lingüística deste centro universitario do Campus de Lugo, ao que cada ano se incorpora preto dun 70% do novo alumnado procedente de fóra de Galicia,  en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística (SNL) da USC.

A convivencia lingüística non resulta problemática en Veterinaria, pero a aparente situación harmónica presenta as descompensacións propias dunha comunidade que maioritariamente ten o español como lingua habitual e nun contexto no que o galego, ademais de ser minoritario, debe sortear asemade as trabas e prexuízos asociados ao seu emprego nos eidos científicos e tecnolóxicos, nos que o inglés segue a ser a referencia.

O galego avanza, aínda así, de xeito paseniño no complexo escenario nun dos centros universitarios da USC que capta máis estudantado de fóra de Galicia e no que parte dos galegos e galegas escollen de xeito voluntario ou por inercia o castelán como lingua vehicular na súa vida cotiá e tamén para tarefas académicas.  Esta realidade, que, de feito implica unha ameaza latente para a lingua propia, serviu nos últimos anos de alicerce sobre o que se foron edificando proxectos como ‘Escolle en galego’, unha iniciativa na que participa de xeito voluntario o profesorado, e expensas do idioma en que imparta a súa, pero que garante ao alumnado a posibilidade de acceder/descargar material de consulta e documentación de aprendizaxe en galego.

O número de materias do título de grao en Veterinaria incluído no programa ‘Escolle en galego’, sitúase na actualidade en 35, o que representa máis dun terzo das esixida para completar a titulación, segundo subliñou a presidenta da Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Veterinaria, a profesora Marta López Alonso, quen tamén engadiu que o uso e aproveitamento desta documentación en galego tamén se incentiva entre o alumnado con descontos económicos en determinados establecementos.

Accións a prol do galego
Alén de iniciativas orientadas á posta a disposición de recursos en lingua galega como é o programa ‘Escolle en galego’, a Facultade de Veterinaria ten en marcha tamén en colaboración co SNL da USC outras accións puntuais dirixidas á promoción do galego entre a súa comunidade educativa. O labor de sensibilización entre o cadro de docentes para que se sumen a ‘Escolle en galego’ é unha tarefa ininterrompida que, pouco a pouco, permite a incorporación de novas  materias a esta proposta de oferta dual, mentres que as accións pensadas para o alumnado organízanse a través de campañas de sensibilización, cursos de galego para non galegofalantes ou con formato de certames, nos que se premia a calidade lingüística de traballos académicos ou TFGs presentados en lingua galega e que previamente acadaron unha avaliación positiva na aula.

A participación do estudantado nestas convocatorias é sostible, cando non vai en aumento, segundo lembra o técnico do Servizo de Normalización Lingüística da USC no Campus de Lugo, Xusto Rodríguez Río, quen logo de avaliar as dez candidaturas presentadas á última edición dos premios a traballos académicos ou TFGs en lingua galega, non dubidou en salientar a calidade lingüística dos mesmos.

Respecto do éxito de participación rexistrados nestes certames, que xa van pola súa segunda edición, López Alonso e Rodríguez Río, coinciden en cualificar de síntoma positivo o feito de que “arredor da metade dos estudantes galegofalantes de Veterinaria que cada ano realizan o seu Traballo Final de Grao, optan por facer a súa presentación en galego, o que dá mostras da vitalidade desta lingua na Facultade”.

Marta López Alonso e Xusto Rodríguez Río fixeron estes comentarios no acto de entrega dos galardóns aos gañadores dos certames ‘Escolle en galego’, do que resultou gañadora M. Yolanda Fontán Abilleira, polo traballo ‘Memoria de estancias clínicas (Veterinarios A Pontenova’, e ‘O teu traballo ten premio’, cuxa gratificación económica correspondeu a Antía Martínez Alborés, por ‘Novos métodos aplicables á conservación e comercialización de moluscos bivalvos vivos’. Ao remate da entrega de galardóns, o decano da Facultade de Veterinaria, Germán Santamarina, reiterou a vontade do centro de seguir a traballar a prol do uso do galego e na procura da harmonía lingüística no centro universitario.

 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.12.2019.