Ir o contido principal
STG

García Herradón inaugura este martes o X Curso de Primavera da USC ‘A violencia na cultura e na historia’ en Humanidades

O profesor do Departamento de Ciencia Política e da Administración da USC Antón Losada abrirá as intervencións co relatorio ‘A violencia como coartada política’

O profesor do Departamento de Ciencia Política e da Administración da USC Antón Losada abrirá este martes, ás 12.00 horas, no salón de actos da Facultade de Humanidades, o X Curso de Primavera da USC, un foro de análise e debate organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e orientado a complementar a formación humanística do estudantado universitario do campus lugués, así como do resto da sociedade, cun relatorio inaugural que se desenvolverá baixo o título ‘A violencia como coartada política’.

A apertura da quenda de relatorios do X Curso de Primavera da USC, un programa que se desenvolverá do 22 ao 25 de abril no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, estará precedida da inauguración oficial, un acto que se desenvolverá a partir das 11.00 horas e que estará presidido polo vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón. O coordinador do X Curso de Primavera da USC, o profesor de Historia Moderna da USC Fernando Suárez Golán; a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey; a concelleira de Cultura, Xuventude, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre, e o deputado delegado de área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, tamén participarán na sesión inaugural deste curso, no que xa formalizaron a súa inscrición máis de 70 persoas. A violencia, un dos problemas que, segundo o profesor Suárez Golán, angustia e asedia á sociedade actual e que probablemente seguirá a facelo no futuro, é o tema sobre o que versará o X Curso de Primavera da USC. Este programa, do que tamén é coordinadora a profesora de Historia Contemporánea da, Ana Cabana Iglesia, favorecerá debates, análises, estudos e reflexións, tanto desde unha perspectiva sincrónica como a través do tempo, sobre as distintas manifestacións dunha constante histórica como é a violencia. Daquela, alén do emprego da presenza da violencia na actividade e na vida política, os novos movementos sociais de protesta, o renacer de forzas políticas extremistas, violentas por definición, ou o problema da violencia de xénero na sociedade actual serán outras das cuestións que serán obxecto de debate e reflexión no marco deste programa formativo e de divulgación da USC que citará citará preto de 30 relatores no campus lugués do 22 ao 25 de abril.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.04.2014.