Greenzone mellorará a xestión das zonas multifuncionais da infraestrutura verde no marco da loita contra o cambio climático
O proxecto ‘Planificación de zonas multifuncionais e multiobxectivo da infraestrutura verde para a súa integración na ordenación e xestión territorial’ (Greenzone) preséntase este xoves 5 de febreiro, ás 11.00 horas, no Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (IBADER) do Campus de Lugo. O proxecto persegue impulsar a integración da infraestrutura verde na planificación territorial mediante o desenvolvemento dunha cartografía dinámica e colaborativa. A inscrición na xornada pode realizarse a través dun formulario en liña.
Unha zona multifuncional na infraestrutura verde é un espazo territorial planificado para compatibilizar a conservación da natureza co desenvolvemento humano, proporcionando múltiples servizos ecosistémicos simultáneos. Agora, o proxecto Greenzone céntrase na delimitación e xestión de zonas multifuncionais, achegando unha metodoloxía científica e sistemática xunto con ferramentas tecnolóxicas que faciliten a súa aplicación práctica. Para iso, deseñarase un algoritmo de intelixencia artificial orientado a optimizar a delimitación espacial de diferentes tipos de zonas multifuncionais, permitindo avanzar cara a unha xestión máis áxil, eficiente e aliñada cos obxectivos de conservación, restauración ecolóxica e adaptación ao cambio climático.
O proxecto coordinado pola USC dota as administracións dunha metodoloxía operativa e reproducible para delimitar e xestionar zonas multifuncionais de Infraestrutura Verde, integrando servizos ecosistémicos, biodiversidade e conectividade. Achega ademais cartografía dinámica e actualizable lista para o Banco de Datos da Natureza e a súa inxerencia directa na ordenación territorial, acelerando decisións de adaptación climática, restauración e compatibilización de usos.
O proxecto contempla o deseño do procedemento para definir tipoloxías de zonas multifuncionais e a análise da fragmentación con indicadores de conectividade ecolóxica, xunto co desenvolvemento dun algoritmo de optimización espacial orientado a múltiples obxectivos. Tamén aborda o deseño de estratexias de xestión destas zonas, a identificación de ámbitos prioritarios de restauración ou xestión e a súa integración en instrumentos de ordenación territorial. Implementarase, finalmente, un sistema de ciencia cidadá para reforzar a participación social e aplicarase en Galicia mediante a delimitación espacial de zonas multifuncionais e a definición de estratexias de xestión adaptadas ao marco autonómico.
Greenzone conta co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), a través do cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER).