O Grupo de Creación Musical da USC presenta os seus traballos de fin de curso nun concerto en Lugo
O Grupo de Creación Musical da USC (GCMUS) presenta este xoves, día 17, as obras compostas este curso nun concerto que terá lugar ás 20:00 horas no Círculo das Artes de Lugo. O traballo de creación musical realizado por este grupo ao longo do presente ano académico versou sobre ‘Os xoguetes e a música’ e está dedicado ao investigador François Dalalande.
O programa do concerto comezará co conto radiofónico ‘A morte do Dansak’ composto por Inmaculada Cárdenas, dirixido e interpretado en escena por Mónica Álvarez e baseado na obra ‘La agonía de Rasuñiti’ do escritor peruano José María Arguedas. É unha peza para cinta, coro e solista en directo e conta a historia dun bailarín de ‘tesoiras’ que presentindo a súa morte vístese co seu traxe de dansak, reúne á súa familia, aos seus músicos e aos veciños que serán testemuñas do rito que coa súa morte dará o poder da súa danza ao seu discípulo.
A continuación ofrecerase a obra ‘Xoguetes’ de Arturo Vaquero, traballo que se desenvolve a partir dos sons dos xoguetes. Atópase dividida en tres partes diferenciadas, a primeira recrea unha imaxinaria festa nunha tenda de xoguetes na que estes cobran vida. Na segunda parte mestúranse elementos da paisaxe sonora dun recreo con xogos rítmicos e a terceira reflexiona sobre as máquinas de entretemento e a relación lúdica coas matemáticas.