Ir o contido principal
STG

O grupo Galabra pecha o seu ciclo de mesas redondas debatindo sobre mobilidade, urbanismo e turismo

O grupo de investigación Galabra pecha este martes 18 unha serie de mesas redondas nas que formulou unha serie de debates con diversos axentes sociais implicados na cidade e que se desenvolve ao abeiro da exposición ‘A cidade, o camiño e nós’.

Este último encontro leva por lema ‘Mobilidade, urbanismo e turismo’ e reunirá o martes 18 no IES Rosalía de Castro (r/ San Clemente, 3) a partir das 19.30 horas ao director do Centro de Estudos e Investigacións Turísticas da USC (CETUR), Miguel Pazos; Iago Lestegás, especialista en urbanismo e rexeneración urbana; ao ex concelleiro de Mobilidade do concello de Santiago, Jorge Duarte; e a Gonzalo Muíños, novo integrante da corporación municipal compostelá. Moderará o debate o profesor da Área de Economía Aplicada Fidel Martínez.

Os puntos de interese do debate xirarán arredor da cidade, a súa convivencia e harmonía, a cohesión da urbe, a relación e influencia dos seus usos na vida das persoas e na relación con visitantes e turistas. Tamén se abordará a percepción que as persoas, xa sexan visitantes ou locais, teña dos espazos públicos así como dos seus usos.

Exposición
A exposición ‘A Cidade, o Camiño e Nós’, executada en colaboración co Concello de Santiago de Compostela, presenta resultados científicos obtidos ata o de agora por parte do Grupo de investigación Galabra, grupo especializado en estudos culturais con sede na Facultade de Filoloxía da USC e dirixido polo profesor Elías Torres. Estes resultados, obtidos a partir de 3.420 enquisas realizadas en Santiago de Compostela e área de influencia entre xaneiro de 2013 e abril de 2019, forman parte dun proxecto financiado polo Ministerio de Economía, Industria e Competitividade denominado ‘Narrativas, usos e consumos de visitantes como aliados ou ameazas para o benestar da comunidade local: O caso de Santiago de Compostela’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.06.2019.