Ir o contido principal
STG

O grupo de investigación Gramática do Español trae a Filoloxía un debate sobre a Minería de Opinións

O grupo Gramática do Español da USC organiza as quintas Xornadas Universidade-Empresa que se celebrarán o vindeiro luns 9 de xullo no Salón de Graos da Facultade de Filoloxía promovidas pola Rede Galega de Recursos Lingüísticos para unha Sociedade do Coñecemento (RELISCO), á que tamén pertence o grupo compostelán. Neste edición, as xornadas xirarán en torno á Minería de Opinións, un ámbito de investigación dedicado a analizar que tipo de opinións predominan nun texto específico. Esta disciplina suscitou un interese crecente no ámbito empresarial ante a importancia de coñecer a opinión que os usuarios verten na rede sobre os produtos e servizos do mercado e así poder aplicar as accións correctoras que sexan precisas. O obxectivo das Xornadas ao longo destes anos foi pór en contacto a comunidade científica universitaria con empresas interesadas na transferencia do coñecemento. RELISCO ten como principal obxectivo a creación dunha plataforma de recursos lingüísticos que permitan desenvolver as tecnoloxías imprescindibles na actual Sociedade do Coñecemento. Integran as rede os grupos GIGRALEX, COLE e GRILES da Universidade de Vigo; o LYS da Universidade da Coruña; e os de Gramática del Español e o de Filoloxía e Lingüística Galega, ambos os dous da Universidade da Coruña. Programa A coordinadora da rede, Margarita Alonso Ramos, abrirá a xornada ás 10.000 horas coa presentación do encontro e dos integrantes de RELISCO e continuará coa participación de Xosé Ramón Pichel, de Imaxin, falando de ‘COATI. Prototipo de reputación on-line multilingüe para blogs para os idiomas galego/portugués e español’ Deseguido, Enrique Torrejón, de Bitext, pronunciará un relatorio sobre ‘NaturalOpinions e a análise de opinións en Twitter’ ao que lle seguirá Francisco Rangel, de Autoritas, falando sobre ‘ Retos da escucha activa, máis alá da análise do sentimento’. Pola tarde, ‘Por unha xestión semántica das redes sociais’ será o tema que presente ás 16.00 horas Judith Sastre, xunto á que tamén intervirán Iván Pino, de Llorente&Cuencia, co tema ‘ Monitorización, reputación e redes’ e Diego Cobelo (de Classora) que someterá a debate un relatorio sobre ‘Web semántica e bases de coñecemento: recursos para mellorar a análise de contidos’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2012.