Ir o contido principal
STG

Un grupo de noventa estudantes chineses cursará este ano os seus estudos na USC

O grupo foi recibido oficialmente no Paraninfo da Universidade
O grupo foi recibido oficialmente no Paraninfo da Universidade

Noventa estudantes da República Popular Chinesa van estudar este ano na USC. O grupo foi recibido este luns no Paraninfo da Universidade polo vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, Victor Millet, nun acto no que tamén participaron a decana da Facultade de Filoloxía, María José López Couso; o director da Oficina de Relacións Exteriores da USC, Enrique López-Veloso; o vicedecano da mesma facultade, Javier Gutiérrez Carou; e a técnica da Oficina de Rerlacións Exteriores Begoña Soneira, que explicou os principais mecanismos de integración académica na USC. A USC iniciou hai dous anos un programa de captación de estudantes e de proxección internacional da USC en China que se completou o curso pasado coa presenza dun punto de información permanente en Beijing que serviu de apoio ás visitas institucionais e dende o que se realizaron visitas técnicas ás universidades. O obxectivo de captación para este ano, fixado en 60 estudantes, foi superado amplamente, pois finalmente veñen á USC 90. Aproximadamente a metade destes estudantes vai comezar a súa estadía estudando español na USC para logo dedicarse á titulación elixida; os demais chegan xa para cursar un ano académico completo. A este respecto, o vicerreitor Millet destacou a importancia dos contidos académicos para este estudantado, “pero sen esquecer nunca a contorna social onde se producen”. O destino principal destes estudantes é a facultade de Filoloxía, onde acoden atraídos pola calidade dos estudos en filoloxía hispánica. E a pesar de que, como dixo a decana do centro, sempre acolleron estudantes estranxeiros, “nunca houbo unha concorrencia como este”, creando así unhas necesidades de titorización moito maiores. Por este motivo, a vicerreitoría de Relacións exteriores e internacionalización convoca dúas bolsas para doutorandos ou egresados de filoloxía que titorizarán aos estudantes chineses en todos aqueles aspectos que non teñan que ver estritamente coa docencia. De esquerda a dereita, Enrique López-Veloso, María José López, Víctor Millet; Javier Gutiérrez e Begoña Soneira

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.09.2012.