A historia da gastronomía e a literatura entre Italia e a Península Ibérica, a estudo
Seis conferencias plenarias e trinta e cinco comunicacións conforman o programa do congreso que a partir deste mércores 21 e ata o venres someterá a estudo a historia da gastronomía e a literatura entre Italia e a Península Ibérica. A inauguración será ás 10.00 horas na Sala de conferencias do Centro Abanca Obra Social (Praza de Cervantes, 18) e continuará co relatorio de Vicente González, da Universidade de Salamanca, titulado ‘A comida na comedia italiana renacentista’.
O congreso, unha iniciativa dos profesores da Facultade de Filoloxía Mercè López e Benedict Buono, tomará como referencias os libros de cocina, receitarios, léxico e literatura gastronómica do tempo actual así como do Renacemento e o medievo. Como explican os seus promotores, dende a tendencia universal da cociña renacentista á formación de tradicións locais ben definidas ata o hibridismo da cociña moderna, a gastronomía tamén expresou a súa forza creadora e innovadora a través da lingua e a literatura. “Quere ser tamén unha ocasión de encontro entre o mundo científico e o dos profesionais da restauración, ademais dun espazo de reflexión sobre o pasado e o futuro da cultura gastronómica”, engaden.
O evento nomeou como presidentes honorarios a Darío Villanueva –director da Real Academia Española– e o seu homólogo italiano Claudio Marazzini –presidente da Accademia della Crusca–, encargados de clausurar o venres este evento científico. Como actividade complementaria e divulgativa, na semana do congreso exhibirase unha vintena de libros singulares de gastronomía dende os séculos XVI ao XX no claustro do Colexio de Fonseca.
O congreso conta como entidades colaboradoras ABANCA Obra Social, o Centro Superior de Hostalaría de Galicia, Galicia Calidade e o Institut Ramon Llull (organismo público catalán para a promoción exterior da lingua e cultura catalás).