Ir o contido principal
STG

O historiador John Ashdown-Hill trata a mitoloxía de Ricardo III no Mes de Cervantes e Shakespeare

John Ashdown-Hill, nun instante da súa conferencia sobre Ricardo III. Foto: Servimav-USC
John Ashdown-Hill, nun instante da súa conferencia sobre Ricardo III. Foto: Servimav-USC

John Ashdown-Hill, experto en historia medieval e membro do proxecto de busca dos restos de Ricardo III en 2012, sumouse este días ás actividades do Mes de Cervantes e Shakespeare en Filoloxía impartindo un seminario e unha conferencia.

No primeiro deles, sobre As Guerras das Rosas, o alumnado e profesorado participante visitou fontes históricas para entender mellor o contexto da Inglaterra dos séculos XIII e XIV. Xa este mesmo mércores 5 a conferencia titulada ‘The mythology of Richard III’ serviu de introdución ao mundo medieval e á vida e morte do rei Ricardo III e serviu para comprender da man dun experto internacional de que maneira a historia se conserva a partir de diferentes fontes non sempre igual de fieis. A presenza de Ashdown-Hill na USC está financiada na súa totalidade polo grupo Discurso e Identidade.

Próximo eventos
Ademais destas dúas actividade , o ciclo arredor de Cervantes e Shakespeare tamén celebrou unha lectura dramatizada co lema ‘Os personaxes femininos de El Quijote’. Ademais, a Compañía Nelson Quinteiro Cabaret realizará unha residencia artística e un laboratorio de creación escénica arredor das obras poéticas de Shakespeare e Cervantes e que terá a súa correspondente posta en escena este xoves 6 de outubro ás 19.00 horas na Facultade.

O programa continuará cunha lectura dramatizada do acto IV de Ricardo III o día 11 e coa conferencia o día 17 do presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, titulada ‘ Quixotismo e palomequismo’. Ao día seguinte haberá oportunidade de participar na clase aberta da profesora M. Carmen Losada e no seminario de Berta Secall, incluído como actividade de formación do programa de doutoramento en Estudos da Literatura e da Cultura, que aborda a relación da danza na obras dos dous autores homenaxeados.

Xa o día 20 está prevista unha xornada de grupos de investigación do Departamento de Lingua e Literatura Inglesa sobre a época e Shakespeare, mentres que o día 24 o director da Real Academia da Lingua, o catedrático da USC Darío Villanueva, pronuncia a conferencia ‘El Quijote e o dinamismo das imaxes’ e o 25 haberá no vestíbulo da Facultade de Filoloxía a lectura pública ‘Shakespeare & Company’.

A danza protagonizará a sesión do día 26 cunha performance polo corredores da Facultade e cunha clase dedicada aos autores. A conferencia do profesor da Universidade de Huelva Zenón Luis titulada ‘Cardenio, o la memoria de Shakespeare’ porán o broche ao ciclo de actividades o día 27.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.10.2016.