Ir o contido principal
STG

O historiador Marco Armiero estuda na USC a traxectoria ambiental da Igrexa Católica dende os sesenta ata o Papa Francisco

Marco Armiero elixiu a USC para desenvolver o seu proxecto
Marco Armiero elixiu a USC para desenvolver o seu proxecto
O proxecto CATCH conta co apoio do European Research Council a través da convocatoria Advanced Grant
Santiago de Compostela

O proxecto CATCH pretende investigar as raíces, os puntos de inflexión e as friccións nas relacións entre a Igrexa Católica e o ambientalismo. O historiador italiano Marco Armiero será o encargado de liderar na Facultade de Xeografía e Historia da USC esta investigación distinguida cunha ERC Advanced Grant, as axudas que o European Research Council outorga a investigadores cunha dilatada traxectoria e logros significativos nos seu ámbito de actuación. CATCH abordará a historia ambiental da Igrexa Católica desde os anos sesenta ata o pontificado de Francisco.

Para Marco Armiero, unha institución con máis de mil millóns de fieis en todo o mundo “pode desempeñar un papel de primeira orde á hora de afrontar a crise ambiental á que nos enfrontamos”. O historiador matiza que “é un gran erro imaxinar que só os datos científicos poden impulsar as persoas cara ao cambio”. CATCH parte da premisa de que ao longo da historia, as grandes mobilizacións de masas ocorreron porque alguén contou historias capaces de interpelar as conciencias —por exemplo, o famoso “I have a dream” de Martin Luther King, ou o poder dunha fotografía contra a guerra de Vietnam—. Por iso, a xuízo do investigador, é crucial comprender o papel que un actor colectivo como a Igrexa Católica desempeñou, e poderá desempeñar no futuro, neste ámbito. No pasado, a Igrexa Católica —e máis en xeral a tradición xudeocristiá— foi considerada “responsable da actual crise ecolóxica; con todo, o papa Francisco representou un punto de inflexión, converténdose nunha figura destacada do ecoloxismo global”, sinala Marco Armiero.

Obxectivos

CATCH quere comprender a Igrexa Católica como actor internacional na gobernanza ambiental global. Así, o proxecto analizará as súas intervencións desde os centros de poder, xa sexa o Vaticano, as conferencias da ONU ou outras plataformas internacionais. Explicar por que as ramas locais da Igrexa Católica adoptaron o ambientalismo e con que consecuencias é outro dos horizontes que se perseguen. Mentres que o primeiro obxectivo analiza a Igrexa desde o centro, o segundo adopta un enfoque de estudos de caso, explorando as diferentes traxectorias a través das cales a Igrexa se ten relacionado co medio ambiente. Desde a teoloxía da liberación en América Latina ata o movemento antimilitarista en Estados Unidos; desde os scouts católicos italianos ata as comunidades cristiás de base en Filipinas; ou o compromiso da Igrexa Católica surafricana coas loitas contra o apartheid e pola xustiza ambiental. CATCH examinará estas experiencias diversas, buscando patróns internos, conexións externas, explicacións causais e consecuencias materiais.

O proxecto analizará tamén as friccións entre as posicións dominantes da Igrexa Católica e os movementos ambientalistas emerxentes. Para cada estudo de caso, CATCH examinará estas friccións como forzas que moldean tanto a resistencia como o compromiso co ambientalismo.

Paisaxe e espiritualidade

Marco Armiero elixiu a USC para desenvolver o seu proxecto porque “Santiago de Compostela non podería ser un lugar máis adecuado para unha investigación sobre a Igrexa Católica e o medio ambiente. É unha cidade inmersa desde hai séculos nunha historia que mestura paisaxe e espiritualidade, e que aínda hoxe impulsa a miles de persoas a poñerse en camiño”.

A intención do investigador é crear na USC, dentro do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC), un Radical Environmental Humanities Hub, “coa ambición de converterse nun polo internacional de referencia”, engade. Traballo arquivístico, etnografía e historia oral integran a metodoloxía que permitirá executar este proxecto que tamén contempla lanzar unha iniciativa de ‘citizen humanities’, é dicir,  implicar a todas as persoas interesadas na recompilación de materiais inéditos sobre a historia das relacións entre a Igrexa e o ambientalismo.

O pasado 1 de xaneiro o investigador incorporouse á USC, procedente da Universidade Autónoma de Barcelona, logo de obter a ERC Advanced Grant dotada con 2,5 millóns de euros. En Galicia só hai nestes momentos outro investigador con esta bolsa, o profesor da USC Carlos Salgado e, con anterioridade, tamén a obtivo o profesor da USC José Luis Mascareñas. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.02.2026.