Ir o contido principal
STG

Homenaxean a profesora Benita Silva co libro póstumo 'La piedra de los monumentos gallegos. Formas de alteración y procesos de deterioro'

Detalle da portada do libro
Detalle da portada do libro
A publicación preséntase este venres 15 ás 17.30 horas no Paraninfo da Universidade

A profesora titular no Departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da Universidade de Santiago Benita Silva Hermo foi, xunto con Francisco Guitián Ojea, a impulsora na década dos anos 90 dunha liña de investigación pioneira sobre o deterioro das rocas graníticas en monumentos antigos de Galicia e na actualidade os seus traballos científicos son referencia mundial neste ámbito de coñecemento.

Nos últimos anos da súa carreira profesional, Benita Silva reuniu un conxunto de textos e material gráfico coa intención de recompilar todo o coñecemento adquirido por ela e polo seu equipo sobre o deterioro do granito en monumentos en Galicia e transmitirllo de forma amena a todas as persoas implicadas na conservación do patrimonio cultural galego.

O seu falecemento hai dous anos deixou esta labor inconclusa, pero as súas discípulas Beatriz Prieto Lamas e Teresa Rivas Brea decidiron revisar, actualizar as referencias e reorganizar todo o material para compilalo nun volume que se presentará o vindeiro 15 de novembro ás 17.30 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Titulado La piedra de los monumentos gallegos. Formas de alteración y procesos de deterioro, o libro reúne a práctica totalidade do coñecemento científico no campo do deterioro do granito en monumentos antigos galegos. Con el, as editoras pretenderon “cumprir co desexo de Benita de divulgar o seu coñecemento á vez que lle render, con profundo cariño, unha homenaxe á súa persoa e á súa carreira”.

Na revisión dalgúns textos do volume, editado pola Universidade de Vigo, colaboraron dous prezados colegas da profesora, Eduardo García-Rodeja e Rosa Calvo. Case a totalidade do material fotográfico é de Benita Silva e os debuxos e diagramas artísticos son creación de Clara Cerviño.

O libro organízase en 6 capítulos: Introdución ás rochas utilizadas en monumentos; Litoloxía de Galicia e a súa representación no patrimonio cultural; Propiedades das rochas como material de construción; Patróns de deterioro do granito en monumentos; Factores e axentes de deterioro da pedra en monumentos; e Biodeterioro e biorreceptividade.

Benita Silva
Profesora da Universidade de Santiago dende 1976, Benita Silva centrou a súa primeira etapa investigadora na xénese e clasificación de solos, especializándose en mineraloxía e micromorfoloxía. A partir dos 80 o seu interese focalizouse no estudo dos procesos de alteración e metodoloxías para a conservación do patrimonio monumental. Foi coordinadora ata o seu falecemento do Grupo  de Estudos Medioambientais aplicados ao patrimonio Cultural (GEMAP) da USC e vicerreitora de responsabilidade Social e Calidade da Universidade de Santiago entre 2010 e 2014.

Portada do libro
Portada do libro
Os contidos desta páxina actualizáronse o 12.11.2024.