Hoxe mesmo pode ser un bo día para deixar de fumar
Tratamentos individuais, para grupos, para fumadores de moitos cigarros ou mesmo a distancia por medio do correo postal, son algunhas das posibilidades que a Unidade de Tabaquismo da USC ofrece a aquelas persoas que necesitan apoio para deixar atrás o tabaco. O prazo para apuntarse no Programa 2001 para Deixar de Fumar permanecerá aberto durante todo o presente mes de setembro, aínda que como apuntan dende a Unidade, hoxe mesmo pode ser un bo día para deixar de fumar. Vixentes dende o ano 1984, polos distintos tratamentos da Unidade de Tabaquismo teñen pasado máis de 11.000 persoas, procedentes de Galicia pero tamén de diversos puntos de España e incluso doutros países. A mellora da saúde, os motivos económicos ou o sentido de dependencia son tres dos principais argumentos que levan aos fumadores a abandonar o hábito. Na Unidade de Tabaquismo as persoas interesadas poden acadar información sobre calquera dúbida e cuestión do tabaco, coñecer o nivel de dependencia e acadar consello sobre como deixalo. Ademais a Unidade permitirá a quen lle poida interesar este programa participar nun dos grupos que organiza de forma totalmente gratuíta. Fumar é a primeira causa evitable de mortalidade na actualidade, producindo a morte prematura de 50.000 persoas ao ano só en España. Ademais, en Galicia por cada euro recadado o pasado ano con cargo aos impostos sobre o tabaco, gastáronse dous na atención sanitaria de doentes por tabaquismo. Fronte estes datos, os responsables do programa da USC apuntan o importante descenso no número de fumadores de cigarros rexistrados nos últimos anos, xa que en España no anos 1987 fumaba o 55 por cento dos homes, mentres que a día de hoxe só o fan tres de cada dez. Para acadar máis información, a Unidade de Tabaquismo da USC posúe os teléfonos 881.81.39.39, 881.81.37.29, 881.81.37.84 e a páxina web www.usc.es/pdf2001. Ademais, as persoas interesadas poden dirixirse tamén ás dependencias da propia Unidade (Facultade de Psicoloxía F, 1º andar).