Humanidades acolle este martes un relatorio e unha proxección de curtas en lingua de signos producidas polo colectivo IDendeaf
A Facultade de Humanidades do campus de Lugo acubillará este martes, día 18 de febreiro, a partir das 19.30 horas, un relatorio e unha proxección de curtametraxes en lingua de signos española producidas pola asociación IDendeaf.
Esta actividade, organizada polo Centro de Linguas Modernas da USC en colaboración coa Asociación para a Produción e Formación Audiovisual de Persoas Xordas (IDendeaf), comezará a desenvolverse a partir das 19.30 horas, no salón de actos do complexo docente do campus lugués. A entrada é de balde e a sesión está aberta á participación de todo o público interesado O profesor de lingua de signos española do Centro de Linguas Modernas da USC, Rubén Vázquez, será un dos relatores que participen nesta sesión monográfica sobre lingua de signos, na que tamén intervirán diversos membros da asociación IDendeaf, que traballa a prol da construción dunha identidade propia das persoas xordas.