Humanidades impulsa unha rede universitaria para facer visibles cuestións académicas e científicas do ámbito da xestión cultural

A Facultade de Humanidades do campus de Lugo da USC vén de impulsar unha rede de centros universitarios en xestión cultural coa pretensión de dar visibilidade a cuestións académicas e científicas relacionadas cos títulos de grao e máster especializados en xestión cultural, así como ás universidades públicas que se ocupan deste ámbito de estudio.
A Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural é unha iniciativa impulsada pola Facultade de Humanidades da USC en colaboración cos centros homólogos das universidades de Huelva, Córdoba e Girona, a través da que se trata de tomar conciencia das ligazóns que compartimos arredor dunha mesma área temática de formación, segundo sinala a catedrática María Isabel González Rey.
A tamén decana da Facultade de Humanidades de USC salienta asemade que esta rede interuniversitaria en xestión cultural xerminada ao abeiro do encontro ‘A Xestión Cultural a debate’ , responde á “necesidade de darlle ao eido da xestión cultural un lugar destacado desde o ámbito universitario co obxectivo de crear sinerxías entre o mundo da formación académica e o sector profesional”.
A Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural é pois unha bitácora en liña aberta ao conxunto da universidade española, segundo indicou González Rey, quen explicou que as catro universidades promotoras deste proxecto xa cursaron convites de adhesión a outros centros de formación e investigación da universidade española potencialmente interesados en compartir experiencias a proxectos encamiñados a que a xestión cultural acada a maior relevancia posible. “A acollida foi excelente”, remarca a decana da Facultade de Humanidades de Lugo, para logo precisar que xa son preto de 20 os títulos universitarios que se sumaron a un proxecto que vén de comezar a súa andadura.
Alén de dar conta de aspectos académicos e científicos de relevo no ámbito de referencia, a Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural ambiciona a consolidarse como foro de intercambio de coñecemento e de debate sobre un amplo abano de temas, tales como poden ser a falta de homoxeneidade na denominación dos títulos, o carácter híbrido dos plans de estudo entre especialización e transversalidade, a súa dobre vocación académica e profesionalizante, ou o aspecto pedagóxico das clases por parte un profesorado maioritariamente vencellado co ámbito das Humanidades.
A necesidade da creación e consolidación dunha área de coñecemento propia da Xestión Cultural, a visibilidade e difusión entre a sociedade dos títulos en Xestión Cultural, e a posta en marcha de liñas de investigación propias relacionadas coa xestión cultural constitúen, entre moitos outros, algúns dos cometidos que nace a Rede de Centros Universitarios en Xestión Cultural.