Ir o contido principal
STG

Humanidades de Lugo organizou a súa primeira xornada de xestión e mediación cultural

A primeira mesa redonda da xornada estivo centrada na xestión cultural e contou coa presenza (de esquerda e dereita) de Jesús Varela Zapata, Francisco Durán, Carmen Varela, Concepción Burgo e Sonia...
A primeira mesa redonda da xornada estivo centrada na xestión cultural e contou coa presenza (de esquerda e dereita) de Jesús Varela Zapata, Francisco Durán, Carmen Varela, Concepción Burgo e Sonia...
O encontro nace co obxectivo de dar a coñecer o oferta formativa da USC neste ámbito, especialmente a través do Grao en Ciencias da Cultura

A Facultade de Humanidades de Lugo celebrou a súa primeira Xornada en Xestión e Mediación Cultural, un novo foro para o debate sobre a situación do eido cultural como xerador de emprego, e para aproximar este sector ao ámbito universitario, especialmente ao recentemente creado Grao en Ciencias da Cultura e Difusión Cultural. A programación do encontro ía dirixida especialmente aos alumnos que rematan este ano os seus estudos de Bacharelato, como xeito de achegarlles unha alternativa de interese á hora de decidir a súa futura carreira. Tamén os alumnos de Formación Profesional (de cara a unha posible continuación de estudos), os universitarios xa titulados ou nos últimos anos de formación (para a ampliación das súas expectativas laborais) e os alumnos do Cuarto Ciclo universitario forman parte dos colectivos aos que a xornada vai especialmente dirixida. No acto de apertura do encontro interviñeron a vicexerenta do Campus de Lugo, Carmen Varela, e a decana da Facultade de Humanidades, Mª Isabel González. González explicou que estas xornadas “ nacen co obxectivo de crear pontes entre o sector cultural e os nosos estudantes, para animalos no seu labor formativo ao comprobaren que é posible vivir da cultura, entendida esta no seu sentido máis amplo”. A parte central das xornadas estivo constituída por dúas mesas redondas. A primeira delas, centrada no ámbito da xestión cultural, contou coa presenza, entre outros, do vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán Villa. A mediación cultural protagonizou o segundo dos debates, no que participaron os responsables de diversos centros e entidades do panorama cultural de Lugo e a súa provincia. A xornada pechouse con senllos relatorios a cargo do fotógrafo Eduardo Ochoa e do cineasta Manuel Curiel.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.02.2012.