Ir o contido principal
STG

Humanidades pecha o 15 de xullo a inscrición no curso ‘Clausus est Ianus: Augusto e transformación do noroeste de Hispania’

Cartaz anunciador do curso
Cartaz anunciador do curso
O coloquio conmemorativo do bimilenario da morte do fundador da cidade citará en Lugo 17 profesores de universidades de Francia, España e Portugal do 21 ao 23 de xullo

O coloquio internacional ‘Clausus est Ianus: Augusto e a transformación do noroeste de Hispania’, citará do 21 ao 23 de xullo na Facultade de Humanidades do campus de Lugo 17 investigadores pertencentes a dez universidades de Francia, España e Portugal. O prazo de inscrición neste curso monográfico permanecerá aberto ata o vindeiro 15 de xullo e as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula en liña, a través da páxina web www.usc.es/humanidades. O prezo da inscrición é de 30 euros para estudantes e desempregados e de 50 euros para o resto das persoas.

As transformacións territoriais, agrarias, económicas, ideolóxicas e potestativas experimentadas no imperio romano durante os 40 anos que se prolongou o goberno de Augusto, un período que coincidiu coa culminación do imperio romano logo de completar o secular proceso de conquista da península Ibérica coa incorporación dos territorios cántabros, Asturias e Galicia, constitúen o eixo temático de boa parte dos relatorios incluídos no programa deste foro monográfico, que se estrutura en 30 horas. A codirectora deste curso conmemorativo do bimilenario da morte do emperador Augusto, a profesora do Departamento de Historia I da USC María Dolores Dopico Caínzos, cualificou de “ interesante e moi ambicioso” o programa deseñado pola Facultade de Humanidades, en colaboración coa Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo e a Área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, para lembrar tal efeméride. Dopico cre asemade este foro representa unha moi boa oportunidade para que “relatores e alumnos/as poidan descubrir e coñecer o potencial de museos dunha cidade romana como Lugo”. Esta profesora da USC salienta asemade que outro dos obxectivos que persegue a celebración en Lugo deste programa de marcada orientación académica e científica, é, ademais de contribuír a afondar no coñecemento da cidade de Lugo e da súa historia, o de alentar aos propios cidadáns de Lugo a valorizar na súa xusta medida a riqueza histórica e o patrimonio da cidade, porque “parece que esta realidade é moito mellor considerada pola xente de fóra que pola propia sociedade luguesa”. Destinatarios O curso ‘Clausus est Ianus: Augusto e a transformación do Noroeste Hispano’ está aberto á participación de todas as persoas interesadas na temática, pero vai especialmente dirixido a profesores/as de Xeografía e Historia, Arte, Latín, Grego e Cultura e cultura clásica, así como a titulados/as e estudantes universitarios/as, que poderán solicitar o seu recoñecemento por un crédito de libre configuración.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.07.2014.