Ir o contido principal
STG

Ibader e LaboraTe da USC entregan este xoves o II Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial

Rafael Crecente Maseda, nunha imaxe de arquivo
Rafael Crecente Maseda, nunha imaxe de arquivo
A cerimonia de entrega do galardón desenvolverase, a partir das 19.00 horas, na Casa do Saber de Lugo, e inclúe un relatorio a cargo do profesor da UVigo Xavier Simón
Lugo

A Casa do Saber do de Lugo da USC acollerá este xoves 27 de xuño, a partir das 19.00 horas, a cerimonia de entrega da segunda edición do Premio ‘Rafael Crecente’ a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, un galardón convocado polo Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader) en colaboración co Laboratorio do Territorio da USC e a través do que se recoñece e lembra o labor desenvolvido polo profesor Rafael Crecente Maseda.

O Premio Rafael Crecente a Iniciativas Innovadoras de Xestión Territorial, que conta cunha dotación económica de 2.000 euros para a candidatura gañadora, ten como obxectivo impulsar o desenvolvemento de ideas innovadoras relacionadas co desenvolvemento rural, a conservación do medio ambiente, a mellora da produción agraria en sentido amplo e a contribución á xestión territorial sostible. Trátase dun certame orientado á participación de estudantes de grao ou máster xa egresados.

A vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto; o director do Ibader, Pablo Ramil Rego, e o director do LaboraTe da USC, David Miranda, serán os encargados de dar a coñecer o fallo emitido polo xurado da segunda edición do Premio ‘Rafael Crecente’, no marco dunha sesión na que Xavier Simón, profesor titular de Economía Aplicada da Universidade de Vigo Xavier Simón Fernández, ofrecerá o relatorio ‘Agroecólogos unidos pola xustiza territorial’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.01.2020.