Ir o contido principal
STG

O IDIS bate un novo récord en 2023 cunha obtención de fondos superior aos 50 millóns de euros

De esquerda a dereita, Antonio López, Luz Couce, Antonio Gómez e Ángel Facio. Foto: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Antonio López, Luz Couce, Antonio Gómez e Ángel Facio. Foto: Santi Alvite
O Instituto galego consolida a súa presenza internacional coa participación en 21 novos proxectos europeos

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), centro de investigación biomédica da USC e o Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), volveu bater en 2023 un récord histórico de resultados. A directora científica do IDIS, Mª Luz Couce, foi a encargada de dar a coñecer a memoria anual do centro no último ano, que o consolida como eixo da investigación sanitaria galega e biomédica de España, cun crecente nivel na captación de recursos e produción científica.  

Á presentación asistiron o reitor da USC, Antonio López; o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño; o xerente da área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, Ángel Facio Villanueva.

Segundo os datos presentados, o IDIS obtivo unha captación de fondos que supera os 50 millóns de euros (52.309.190€) en actividades de investigación, dos cales máis do 60 por cento corresponden a proxectos de investigación competitivos. Durante o acto, a profesora Couce quixo recoñecer o traballo realizado por todos os profesionais: “esta memoria non é máis que o relato das vosas excelentes achegas ao Instituto;  volvemos bater récords nos nosos indicadores. Grazas polo voso entusiasmo e dedicación diaria cun claro obxectivo: mellorar a saúde das persoas”.

Os fondos obtivéronse en 120 proxectos de ámbito nacional e internacional, 81 axudas de recursos humanos competitivas así como 277 estudos clínicos e 411 contratos e servizos asinados con outras entidades. Os datos tamén reflicten un total de 16 spin-offs activas, 7 marcas rexistradas e 47 solicitudes de patentes. No que respecta á produción científica, o Instituto publicou 1.008 artigos, editoriais e revisións o pasado ano.

A directora científica e profesora da USC aproveitou para pór de relevo a necesidade dun edificio propio para o Instituto. “Os recursos crecen, a masa crítica tamén, pero necesitamos un espazo e novas instalacións. Esperamos que pronto o teñamos dispoñible para poder desenvolver a investigación dunha forma óptima”, sinalou Mª Luz Couce Pico, quen asegurou “seguir traballando para desenvolver ferramentas innovadoras e promover políticas que melloren a saúde das persoas”. Neste senso, a entidade está próxima a solicitar a reacreditación como Instituto ao ISCIII. “Sabemos que é unha carreira de fondo e este ano tócanos o sprint final, por iso solicitamos o voso apoio”, sinalou.

Proxección internacional
O alcance internacional do Instituto consolídase coa participación en 21 novos proxectos europeos. “A captación en proxectos internacionais supera os 7,2 millóns de euros, e ademais o 45 % dos nosos traballos científicos xorden da colaboración internacional”, sinalou Mª Luz Couce Pico, quen informou tamén de que un total de 453 artigos foron publicados coa colaboración de grupos fóra de España.

Segundo explicou a directora científica do centro, a través do Plan Estratéxico 2023-2027 o IDIS estableceu unha folla de ruta para os próximos cinco anos co obxectivo de impulsar a actividade do Instituto, “potenciando o progreso de terapias avanzadas, favorecendo a nosa posición en estruturas cooperativas a nivel nacional e internacional e optimizando os recursos e procesos de xestión co estímulo dunha cultura innovadora que facilite a translación de resultados á nosa sociedade”.

Captar e reter talento
No 2023, o IDIS estivo composto dun total de 1.338 persoas que se integran en 105 grupos de investigación organizados en 7 áreas científicas: Oncoloxía; Xenética e Bioloxía de Sistemas; Endocrinoloxía, Nutrición e Metabolismo; Neurociencias; Plataformas e Metodoloxía; Cardiovascular; e Infectoloxía, Inflamación e Vacinas.

Na presentación de resultados, resaltouse o incremento do capital humano dende a creación do Instituto. O pasado ano, obtivéronse 81 novos contratos de persoal procedentes de axudas competitivas e presentáronse 90 teses doutorais, o que reflicte o incremento na masa de investigadores da entidade e a relevancia da institución no ámbito académico.

“Non podemos esquecer que temos unha responsabilidade na captación e retención de talento”, dixo Luz Couce, quen engadiu que “debemos proporcionar unha actividade formativa para as novas xeracións, e por iso levamos a cabo un intenso labor mediante a organización de cursos, seminarios, congresos e actividades orientadas ao coñecemento”. Ademais, a directora puxo de relevo a importancia de difundir o noso traballo á sociedade a través de campañas de divulgación científica.

O IDIS 
Co obxecto de identificar e desenvolver novas solucións que dean resposta aos problemas de saúde da sociedade, o Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela (IDIS) nace en 2008 froito da colaboración entre a Universidade de Santiago de Compostela e a Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza (SERGAS). Como eixo da investigación sanitaria galega, está acreditado polo Instituto de Salud Carlos III xa desde o 2010. 
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.07.2024.