Ir o contido principal
STG

O IGFAE súmase á rede europea ACME na procura de novos fenómenos cósmicos

O IGFAE súmase a este proxecto a través da súa participación no Observatorio Pierre Auger. FOTO: https://visitantes.auger.org.ar/
O IGFAE súmase a este proxecto a través da súa participación no Observatorio Pierre Auger. FOTO: https://visitantes.auger.org.ar/
O proxecto, no que participan 40 institucións de 15 países, investirá 15 millóns de euros para optimizar a colaboración científica no campo da astronomía de multimensaxeiros

Persoal do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia, formará parte durante os vindeiros anos de ACME, unha colaboración europea que pretende mellorar a accesibilidade e a cohesión entre os observatorios máis relevantes para a investigación en astronomía e astrofísica de partículas (ou astropartículas). Deste xeito, baixo o paraugas de ACME (acrónimo en inglés do ‘Centro de Astrofísica para Estudos Multimensaxeiro en Europa’), facilitarase o acceso e intercambio de información respecto a infraestruturas de investigación, instrumentos, datos e coñecemento científico.

O IGFAE súmase a este proxecto a través da súa participación no Observatorio Pierre Auger. Esta enorme instalación, composta por máis de 1.600 detectores espallados en 3.000 km2 nunha chaira da provincia de Mendoza (Arxentina), é a meirande e máis precisa infraestrutura deseñada para estudar os raios cósmicos de enerxía ultra-alta, unhas das partículas máis enerxéticas do universo.  O investigador Enrique Zas, que forma parte de ACME e do equipo do IGFAE no Observatorio Pierre Auger, apunta que “somos responsables dos eventos de ‘multimensaxeiros’, nos que se combina a sensibilidade de Pierre Auger na detección de raios cósmicos, neutrinos e fotóns cos datos doutros observatorios para estudar obxectos astrofísicos e eventos cósmicos dunha nova forma”.

No marco da revolución que está a experimentar a observación do cosmos, a astronomía
de multimensaxeiros —na que se centra o proxecto ACME— está a abrir unha nova xanela para observar o universo. Grazas ao avance tecnolóxico dos últimos anos, hoxe é posible observar un mesmo evento cósmico con diferentes sinais, ou mensaxeiros, como a radiación electromagnética, as ondas gravitacionais e as emisións de neutrinos ou raios cósmicos. Esta información complementaria axuda a entender os complexos mecanismos de alta enerxía que acontecen nestes eventos.

Nos últimos anos, a través da súa área de investigación en Partículas Cósmicas e Física Fundamental, o IGFAE asumiu tarefas de responsabilidade en proxectos como o Observatorio Pierre Auger (onde o investigador Lorenzo Cazón é coordinador científico e Jaime Alvarez-Muñiz e responsable da detección de neutrinos e fotóns). O Instituto tamén forma parte da colaboración LIGO para o estudo das ondas gravitacionais, ou os experimentos de neutrinos NEXT ou DUNE.

ACME

Os días 16 e 17 de setembro, ACME botou a andar nunha reunión que tivo lugar en París. Neste proxecto, financiado con 15 millóns de euros, participan 40 institucións de referencia en 15 países, co fin de reforzar a colaboración a diferentes niveis, para obter así unha mellor identificación dos posibles eventos astrofísicos e optimizar a súa observación e seguimento. Desta forma lévanse á práctica as recomendacións das follas de ruta do Consorcio Europeo de Física de Astropartículas (APPEC) e da Rede de Planificación e Asesoramento para a Astronomía Europea (ASTRONET).

ACME está coordinado dende o Centre National de la Recherche Scientifique (CNRS), de Francia, dirixido polo profesor Antoine Kouchner (CNRS) e codirixido por Paolo D’Avanzo, do Istituto Nazionale di Astrofisica (INAF) de Italia. Dende o IGFAE están involucrados os investigadores Enrique Zas, Jaime Álvarez-Muñiz e Lorenzo Cazón.
 

Persoal do IGFAE involucrado en ACME. De esquerda a dereita, Lorenzo Cazón, Enrique Zas e Jaime Álvarez-Muñiz
Persoal do IGFAE involucrado en ACME. De esquerda a dereita, Lorenzo Cazón, Enrique Zas e Jaime Álvarez-Muñiz
Os contidos desta páxina actualizáronse o 01.10.2024.