Ir o contido principal
STG

A Igualdade de oportunidades no emprego, a debate nas xornadas 'Transformando'

Carlos Herrero Latorre e Celia Besteiro presentaron en Lugo o programa das xornadas 'Transformando’
Carlos Herrero Latorre e Celia Besteiro presentaron en Lugo o programa das xornadas 'Transformando’

A Vicerreitoría de Coordinación do Campus, co apoio do proxecto Equal-Lugo Social, organiza o ciclo ‘Transformando. Xornadas de emprego, economía social e igualdade de oportunidades’. Esta iniciativa desenvolverase os días 23 de marzo, 13 e 20 de abril e 4 de maio en distintas facultades do campus lugués, como explicaron no acto de presentación o vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero Latorre, e a vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos, Celia Besteiro.
Nas xornadas debaterase sobre o acceso ao emprego en igualdade de oportunidades de persoas con discapacidade física ou sensorial, psíquica, así como doutros colectivos con risco de exclusión social como xitanos ou mulleres inmigrantes. ‘Transformando’ vai dirixido a estudantes da USC, técnicos de emprego, axentes de emprego, responsables de asociacións, voluntarios, profesionais do eido social, e en xeral calquera persoa interesada en coñecer e fomentar as políticas de igualdade de oportunidades para acceder ao mundo laboral.
Carlos Herrero explicou que para a estruturación do encontro se organizaron tres grupos de traballo nos que participaron os técnicos de emprego das entidades sociais que colaboran no proxecto. Pola súa banda, Celia Besteiro aproveitou a ocasión para nombralas unha por unha e agradecer así o seu esforzo na organización destas xornadas. Dirixidos por Fátima Teixeiro, do Servizo de Participación e Integración Universitaria da USC, colaboraron AFAMMER, Asociación de Familias e Mulleres do Medio Rural; ASFEM, Asociación Sociocultural de Formación e Emprego; ASPNAIS, Asociación de Pais e Titores de Persoas con Discapacidade Intelectual; Centro San Vicente para persoas con discapacidade intelectual; COGAMI, Confederación Gallega de Minusválidos; Down Lugo; FADEMGA FEAPS-Galicia, Federación de Asociacións en favor das persoas con discapacidade intelectual en Galicia; FAXPAG, Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia; FEAFES Galicia, Federación de Asociacións de Familiares e enfermos mentais de Galicia; Fundación Secretariado Xitano; ONCE e Raiolas, Asociación de pais e persoas con autismo.
As xornadas desenvolveranse en horario de 9:30 a 14:00 horas e de 16:30 a 20:00 horas, sendo a primeira quenda para a Facultade de Humanidades o día 23 deste mes. Xa no vindeiro mes de abril, o Salón de Actos de Maxisterio acollerá os días 13 e 20 as correspondentes sesión para rematar de novo en Humanidades o 4 de maio.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2007.