O III Ciclo de Conferencias da Cátedra Unesco 226 da USC sobre Migracións analiza na súa segunda xornada a presenza galega na Baixa Andalucía entre os séculos XVI e XIX
O profesor da Universidade de Sevilla Antonio Luis López Martínez participa este venres, día 20, no III Ciclo de Conferencia da Cátedra Unesco 226 da USC sobre Migración cunha intervención sobre ‘Catro séculos de presenza galega na Baixa Andalucía. Séculos XVI-XIX’. A sesión comezará ás 9:00 horas na Aula 5 da Facultade de Xeografía e Historia.
Esta intervención forma parte do ciclo de conferencias coordinado polo profesor Julio Hernández Borge que a Cátedra Unesco 226 desenvolve dende a pasada semana na Facultade de Xeografía e Historia coa participación de expertos procedentes de Valladolid, Sevilla, Estremadura, Lisboa e da propia institución docente compostelá.
O profesor da USC Camilo Fernández Cortizo protagonizará a terceira sesión do ciclo, o día 25 de abril, coa conferencia ‘A presenza de galegos no Norte de Portugal (1700-1850). A continuación, o día 4 de maio, o docente da Universidade de Estremadura José Pablo Blanco Carrasco disertará sobre ‘Emigración galega en Estremadura (XVI-XIX)’.
Finalmente, o ciclo chegará ao seu fin o día 11 de maio coa conferencia ‘A emigración portuguesa para o Brasil na segunda metade do século XVIII’, a cargo do profesor da Universidade de Lisboa, João Santos Ramalho Cosme.