O III Ciclo de Teatro Comunitario indaga na capacidade educativa da escena
‘Teatro (é) Educación’, con este lema o III Ciclo de Teatro Comunitario profunda un ano máis no significado da manifestación teatral na vida asociativa e comunitaria das vilas galegas. O obxectivo da iniciativa é que crear un xermolo que supoña a creación dun ciclo estable que sirva para dar a coñecer o traballo que desenvolven diferentes grupos en distintas zonas de Galicia. Tamén se pretende, engaden os seus promotores, concienciar aos futuros educadores da importancia do teatro como instrumento de innovación educativa.
O Ciclo de Teatro Comunitario organízao a Comisión Cultural e de Normalización Lingüística e o grupo de teatro da Facultade de Ciencias da Educación coa colaboración da Rede de Centros Socioculturais de Santiago. Organizado. O seu programa de actividades desenvolverase entre os días 27 e 29 de abril e o 12 de maio no Salón de Actos da Facultade de Filoloxía.
As persoas que se matriculen coñecerán e asistirán á representación de diferentes obras a través das que se fomentará unha análise ao redor de aspectos diversos como o valor educativo do teatro nas cidades, a organización de grupos e a implicación veciñal e outras cuestións concretas do traballo cotiá destas compañías locais. De xeito paralelo e con anterioridade a cada unha das postas en escena programadas o ciclo contempla unha serie de conferencias coas que se pretende profundar no significado e particularidades de cada unha das obras representadas.