As III Xornadas Bienais de Investigadores Novos en Proteómica botaron a andar en Química coa presenza de 200 expertos de toda España
A investigación en proteómica reúne este xoves 9 e o venres 10 na USC a 200 investigadores de toda España nas III Xornadas Bienais de Investigadores Novos sobre a disciplina, nun evento que conta co auspicio da Sociedade Española de Proteómica (SEProt). A xuntanza celébrase na Facultade de Química, onde tivo lugar o acto inaugural do encontro, presidido polo reitor Juan Casares. Asistiron ademais, o presidente de SEProt, Fernando Corrales; o decano do centro compostelán, Ramón Estévez Cabanas, e os organizadores do encontro, o investigador da USC, Ángel García, e as investigadoras María Pardo e Cristina Ruíz. A proteómica é unha disciplina que permite analizar minuciosamente o proteoma, o conxunto de proteínas presentes nunha célula, tecido ou fluído biolóxico nun momento dado. Orixinadas a partir dos xenes, as proteínas son as responsables finais do funcionamento correcto do organismo, de xeito que son erros nas proteínas os que causan a maior parte das enfermidades. Como apunta Ángel García Alonso, investigador Ramón y Cajal do CIMUS e do departamento de Farmacoloxía da USC, un maior coñecemento destas relacións entre as proteínas e as enfermidades implica saber máis das doenzas e mellorar os seus tratamentos. Así, estas xornadas pretenden ser un punto de encontro para que os científicos poñan en común os resultados máis relevantes das súas investigacións e tamén os problemas metodolóxicos que podan xurdir. De igual maneira, a xuntanza permitirá o establecemento de colaboracións científicas futuras. O programa divídese en seis sesións que cobren aspectos tan diversos coma a proteómica cuantitativa, modificacións post-traducionais, análise de datos, microorganismos e parasitos, proteómica animal e vexetal e proteómica biomédica. Cobre por tanto investigacións aplicadas á agricultura, microbioloxía, veterinaria e á biomedicina. Aparte da Facultade de Química da USC, a xuntanza contará coa colaboración da Fundación IDICHUS, que contribuirá con premios para as mellores presentacións científicas. O programa detallado pode ser consultado na páxina web do evento www.jornadasproteomica2012.es.
Xunto a Ángel García, quen ademais é membro da xunta directiva da SEProt, na organización do evento participan Miguel Servet do Sistema Nacional de Saúde; María Pardo Pérez, do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago; e Cristina Ruíz Romero, do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña.