Inaugurado o curso sobre a romanización en Galicia, posto en marcha pola USC e a Deputación Provincial

A vicerreitora adxunta de Infraestruturas e Servizos da USC, Celia Besteiro, inaugurou, xunto co vicepresidente primeiro da Deputación Provincial, Antón Bao, a primeira edición do ‘Curso de actualización sobre a Romanización de Galiza. Do castro á cidade: a romanización na Gallaecia e na Hispania indoeuropea’, dirixido polos profesores Manuel Villanueva e Dolores Dopico, e que se imparte esta semana en Lugo organizado polas dúas entidades.
No acto de inauguración, que tivo lugar no Salón de Actos da Deputación Provincial, estiveron tamén presentes, ademais do director do curso, a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Concepción Burgo, e o director xeral de Patrimonio, Felipe Arias, representando ás entidades colaboradoras.
Asisten ao curso un total de 95 persoas, entre as que figuran profesionais do profesorado de Ensino Secundario e Bacharelato das materias de Xeografía e Historia, Arte, Latín, Grego e Cultura Clásica, estudantes e licenciados en Humanidades, Filoloxía Clásica, Xeografía, Historia e Arte, que obterán un crédito de libre configuración.
O programa, que consta de 30 horas lectivas, repartirase entre a Facultade de Humanidades, o Museo Provincial de Lugo e o Museo do Castro de Viladonga. O obxectivo do mesmo é proxectar ao coñecemento da sociedade aspectos da investigación que deben transcender os límites estritos do ámbito académico e constituír unha oferta cultural que contribúa á posta en valor dunha idea de historia viva. A finalidade última do mesmo será, en definitiva, a comprensión do fenómeno romanizador na vertente que atinxe á reordenación do espazo, con especial atención á aparición da cidade como elemento da organización do territorio, as orixinais formas de simbiose entre a tradición indíxena e a influencia romana, que na antiga Gallaecia dá por resultado unha cultura galaico-romana.
O programa, que se desenvolverá en tres días, contará coa participación como relatores dos máis importantes investigadores da romanización. A temática centrarase nos estudos da romanización nas cidades de Lugo, León, Astorga e Braga, incluíndo os últimos descubrimentos no castro da Piringalla; nos pobos indíxenas do Norte e do proceso de paso do castro á cidade.
A xornada do martes estará dedicada ao urbanismo indíxena e o urbanismo romano, facendo referencia aos castros e outras formas de hábitat na Hispania Indoeuropea ante a romanización. Así, pola mañá, estarán no Castro de Viladonga, onde realizarán unha sesión práctica con taller e visita guiada, que estará a cargo da directora do museo, Elena Varela Arias. Previamente haberá unha conferencia de Bartolomé Abraira.
Pola tarde, os relatorios, a cargo do Felipe Arias, director xeral de Patrimonio, e de Francisco Sande Lemos, da Universidade do Minho, se trasladarán ao Museo Provincial.
A xornada final será na Facultade de Humanidades, co título xenérico de ‘A urbanización na Gallaecia’. Intervirán na mesma o arqueólogo municipal lugués Rubén Álvarez; a catedrática de Portugal Manuela Martins, a responsable do Museo Romano de Astorga Ángeles Sevillano Fuertes e o catedrático de León Manuel Abilio Rabanal.