Ir o contido principal
STG

Inaugúrase este venres o Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares de Campus Vida

O Nobel de Química Harold W. Kroto protagonizará un acto académico previo na Facultade de Química

O Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares de Campus Vida inaugurarase este venres, 28 de maio, ás 12:30 horas (Rúa Jenaro de la Fuente, s/n). Na inauguración institucional participarán o reitor compostelán, Senén Barro, o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e o Nobel de Química en 1996, Harold W. Kroto.
O centro é un dos seis edificios que forman parte da Rede de Centros Singulares de Investigación a través da que se está a promover un novo modelo de organización da investigación destinado a mellorar a transferencia e a valorización do coñecemento no eido internacional. O edificio conta con 27 laboratorios nunha superficie construída de 6.140 m2 . A inversión realizada superou os 11 millóns de euros, cofinanciada con fondos FEDER.
Acto académico previoPreviamente a este acto, e aproveitando a visita do Nobel Harold W. Kroto para participar no Programa ConCiencia, terá lugar unha sesión académica ás 10:30 horas na Aula Magna da Facultade de Química á que, entre outros, asisten a vicerreitora de Investigación e Innovación, María José Alonso, e o decano do centro, Ramón Estévez.
Neste acto académico intervirán con sendas conferencias o director do Instituto Catalán de Investigación Química, Miquel A. Pericàs, e o propio Harold W. Kroto.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2010.