Ir o contido principal
STG

Inaugurouse en Arxentina o Observatorio Pierre Auger coa participación de científicos de todo o mundo, entre eles o grupo de Astrofísica de Partículas da USC

Preto de 450 científicos de máis de cen institucións de dezasete países, entre os que se atopa o grupo de Astrofísica de Partículas da USC liderado polo profesor Enrique Zas, conforman o equipo humano do Observatorio Pierre Auger inaugurado esta fin de semana en Malargüe, na provincia arxentina de Mendoza. No acto inaugural estiveron representados todos os países que participan no proxecto, Alemaña, Arxentina, Australia, Bolivia, Brasil, Eslovenia, España, Estados Unidos, Francia, Holanda, Italia, México, Polonia, Portugal, Reino Unido, República Checa e Vietnam. Ao acto tamén asistiu a conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón. A representación científica española intégrana 27 investigadores, dos cales doce son galegos, en concreto do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da universidade compostelá.
Durante o acto, os participantes coincidiron en que este proxecto supón a concreción dun soño científico froito da colaboración internacional. Neste senso, a representante francesa Catherine Bréchignac, presidenta do Centro Nacional de Investigación Científica de Francia (CNRS), afirmou que o Observatorio Pierre Auger “non é só un centro de investigación, senón que é unha marabillosa aventura humana”, ao tempo que salientou que “cando hai que facer investigación se necesita competencia e colaboración”.
Na mesma liña, o secretario de estado do Ministerio de Educación e Investigación de Alemaña, Frieder Meyer-Krahmer, sinalou que os científicos, “á hora de analizar futuras posibilidades, teñen un apetito ilimitado”. Pola súa banda, o viceministro de Ciencia de Arxentina, Alejandro Ceccatto, agradeceu “profundamente a colaboración internacional” nesta iniciativa, porque máis alá das condicións físicas de Malargüe que propiciaron a súa elección para albergar o Observatorio, “está implícito o recoñecemento ao valor que a ciencia arxentina ten no mundo”. “Esta é a sorte de experimento que fixo concibir a Einstein a física como unha aventura do pensamento”, salientou Alejandro Ceccatto.
España pasou a formar parte da colaboración Pierre Auger no ano 2002 coa proposta do grupo de investigadores de astrofísica de partículas da USC, dirixido por Enrique Zas, que en colaboración co premio Nobel de Física James Cronin da Universidade de Chicago, demostrou en 1996 que estudando os chuvascos que inciden con moita inclinación no Observatorio Pierre Auger se poden detectar neutrinos de altas enerxías, que é un dos retos pendentes no eido da astrofísica de partículas. Os neutrinos son partículas elementais moi difíciles de detectar xa que son capaces de atravesar a Terra sen interaccionar.
As institucións españolas que participan actualmente no Observatorio son o Instituto de Física Corpuscular da Universidade de Valencia, a Universidade Complutense de Madrid, a Universidade de Alcalá de Henares, a Universidade de Santiago de Compostela e a Universidade de Granada; e as axencias españolas de financiamento son a Comunidade de Madrid, a Consellería de Educación da Comunidade de Castela A Mancha, fondos FEDER, o Ministerio de Ciencia e Innovación e a Xunta de Galicia.
Liderado galegoA primeira análise de chuvascos inclinados foi abordada polo grupo da USC en 1999, ano no que se puxo a primeira pedra do Observatorio, en colaboración con Alan Watson, actual portavoz do proxecto. Na actualidade Enrique Zas lidera o estudo dos eventos inclinados na colaboración Pierre Auger, unha tarefa que permite estudar a natureza dos raios cósmicos, aumentar o poder estatístico do observatorio e permitir a observación dunha parte do firmamento que é inaccesible coa análise convencional de chuvascos. O grupo de Astrofísica de Partículas da USC lidera a participación española e dirixe 3 dos 21 equipos de análise.
A memoria do universoTal e como sinalou Catherine Bréchignac, as partículas de alta enerxía “gardan memoria da orixe do universo”, polo que o seu estudo e coñecemento supón “o inicio dunha nova era na astronomía”. Actualmente non se coñece ningunha fonte no Cosmos que poida producir partículas con estas enerxías, nin sequera nas máis violentas explosións de estrelas. De onde proveñan, as partículas de alta enerxía manteñen segredos respecto da evolución e posiblemente a orixe do universo, debido ao enigma da súa enorme enerxía millóns de veces maior do que calquera acelerador terrestre de partículas pode producir.
A construción do observatorio do Hemisferio SurA construción do Observatorio Pierre Auger no Hemisferio Sur comezou no ano 1999 e conta con 1.600 detectores diseminados nunha superficie superior a 3.000 quilómetros cadrados na provincia arxentina de Mendoza, ao este das montañas dos Andes. Os detectores de partículas son tanques cilíndricos de 1,2 metros de altura e 3,6 metros de diámetro, cheos de auga e con sensores para rexistrar a luz producida polo paso da “chuvieira”.
O equipo da USC, ademais de contribuír a análise dos datos obtidos, achegou a gran maioría dos paneis solares dos tanques, de fabricación nacional. Os científicos da Universidade estudan con eles o tempo de vida que teñen os sistemas fotovoltaicos autónomos e a predición dos fallos a través da monitorización remota, o que ten “grande repercusión tecnolóxica”, explica Zas. Arredor da zona, vinte e catro telescopios de fluorescencia rexistran a luz ultravioleta.
Os primeiros resultados científicos foron publicados en outono de 2007. Atoparon que as direccións de procedencia dos raios cósmicos están relacionadas coas posicións das galaxias activas máis próximos. Neles hai xigantescos buracos negros que atrapan grandes cantidades de materia. O profesor Zas detalla que “varias revistas especializadas de prestixio seleccionaron este avance científico como un dos máis importantes do ano pasado”.
Raios cósmicosOs raios cósmicos descubríronse a mediados do século XX por Victor Hess que, dende un globo, comprobou que a radioactividade natural aumentaba a medida que ascendía en altura. En 1938, o físico francés Pierre Auger observou por vez primeira unha cascada atmosférica procedente dunha partícula cósmica de enerxía superior ao millón de xigaelectronvoltios. Na actualidade o Observatorio rexistra partículas cen mil veces mas enerxéticas. “Esta gran cantidade de enerxía é un importante desafío para os científicos”, advirte Zas, que destaca a importancia do proxecto de investigación básica.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.11.2008.