Ir o contido principal
STG

Inaugurouse en Fonseca o I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias

Un momento da inauguración do encontro. FOTO: Santi Alvite
Un momento da inauguración do encontro. FOTO: Santi Alvite
Trátase dunha cita científica pioneira dentro da Psicoloxía de Emerxencias no conxunto do Estado

O I Congreso Nacional de Psicoloxía de Emerxencias ‘Sostendo emocións nas Emerxencias’ desenvolveu este venres a súa sesión inaugural no Colexio de Fonseca, organizado polo Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia. O reitor Antonio López presidiu a apertura, que estivo precedida da conferencia inaugural ‘Sobre o valioso e os riscos, máis alá do evidente, na intervención psicolóxica profesional en catástrofes e emerxencias’ e cargo de Miguel Anxo García Álvarez. O resto do congreso desenvólvese na Facultade de Psicoloxía.

Neste congreso, pioneiro dentro da Psicoloxía de Emerxencias no conxunto do Estado, danse cita profesionais para expoñer coñecementos e compartir experiencias sobre diversos aspectos da atención psicolóxica nas situacións de emerxencia. Así, abordarase a importancia da intervención psicolóxica en emerxencias para axudar ás persoas e ás comunidades a facer fronte e integrar o impacto dunha situación crítica nas súas vidas, promovendo a súa resiliencia. Tamén é esencial considerar o coidado das persoas intervintes en situacións de emerxencia tanto dos propios profesionais da psicoloxía como doutros corpos de intervención, xa sexan policías, bombeir@s, Protección Civil ou o persoal sanitario.

A pesar de ser un ámbito de intervención relativamente recente, cos seus inicios en 1970, a Psicoloxía de Emerxencias está presente hoxe en día en situacións críticas como o terrorismo, a violencia de xénero, os accidentes con múltiples vítimas, os suicidios, os accidentes de tráfico e laborais, os naufraxios, as desaparicións, os desastres naturais e outras temáticas, nas que se afondará con novas achegas de distintos profesionais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.05.2024.