Ir o contido principal
STG

Ingapan ofrece dous contratos de seis meses aos mellores TFG de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición e Dietética

De esquerda a dereita, Sheila Castiñeira, Ana Piñeiro, Francisco Fraga e Jorge Rivera, na Facultade de Ciencias
De esquerda a dereita, Sheila Castiñeira, Ana Piñeiro, Francisco Fraga e Jorge Rivera, na Facultade de Ciencias
O Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo e Adinu gratifican con 2.000 euros os mellores TFG da última promoción de graduados na Facultade de Ciencias da USC

A Facultade de Ciencias do Campus de Lugo da USC impulsa a inserción laboral dos seus titulados e tituladas a través da convocatoria do I Concurso de Traballos Fin de Grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética, unha convocatoria impulsada polo centro universitario lugués en colaboración co Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, a Asociación de Dietistas e Nutricionistas de Galicia (Adinu) e a empresa Ingapan, que ofrece contratos laborais durante un período de seis meses aos autores dos mellores TFG presentados en cada un dos dous títulos de grao universitario impartidos na Facultade de Ciencias ao longo das tres últimas convocatorias habilitadas para tal efecto.

O decano da Facultade de Ciencias, Francisco Fraga, presentou este mércores a primeira edición deste concurso, no marco dunha sesión na que tamén participaron o decano do Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, Jorge Rivera; a presidenta de Adinu, Sheila Castiñeira, e Ana Piñeiro, responsable de proxectos de Ingapan. A convocatoria está aberta ata o venres 29 de novembro, data límite ata a que o alumnado que vén de rematar a súa formación de grao na Facultade de Ciencias poderá presentar os Traballos Fin de Grao na secretaría do centro universitario.

Fraga salientou que o lanzamento deste concurso de TFG pretende poñer en valor o traballo realizado polo alumnado, ao tempo que constitúe unha pasarela acaída para dar o primeiro salto ao mercado laboral. O decano da Facultade de Ciencias da USC reiterou neste senso o agradecemento explícito á empresa Ingapan, así como ás demais entidades que colaboran nunha iniciativa que agarda poder ter continuidade nos próximos anos.

As gratificacións en metálico contempladas no I Concurso de TFG dos títulos de grao en Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais e Nutrición Humana e Dietética son achegadas polo Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais de Lugo, que premiará con 1.000, 500 e 300 euros, respectivamente, ás persoas que realizaron os tres Traballos Fin de Grao de Enxeñaría de Procesos Químicos Industriais máis valorados pola comisión técnica externa encargada da súa avaliación. Do mesmo xeito, os mellores TFG de Nutrición Humana e Dietética tamén recibirán unha gratificación económica por cortesía da Asociación de Dietistas Nutricionistas (Adinu).

Alumnado e docentes da Facultade de Ciencias, na presentación do I Concurso de Traballos de Fin de Grao

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.12.2019.