Ir o contido principal
STG

Inscritas máis de 70 persoas no curso de primavera da USC sobre violencia na cultura e na historia que comeza o día 22

Cartaz do X Curso de Primavera da USC
Cartaz do X Curso de Primavera da USC

Máis de 70 persoas formalizaron a súa inscrición na décima edición do Curso de Primavera da USC, un foro de análise e debate organizado ao abeiro do convenio Lugo Cultural e orientado a complementar a formación humanística do estudantado universitario do campus lugués, así como do resto da sociedade, que se desenvolverá do 22 ao 25 de abril no salón de actos da Facultade de Humanidades de Lugo, onde se celebrarán diversos relatorios e táboas redondas, cuxas temáticas afondarán no estudo e na análise da da violencia na cultura e na historia.

A violencia, un dos problemas que angustia e asedia á sociedade actual e que probablemente seguirá a facelo no futuro, é o tema sobre o que versará o X Curso de Primavera da USC, un programa coordinado polo profesor de Historia Moderna da USC Fernando Suárez Golán, e pola profesora de Historia Contemporánea da, Ana Cabana Iglesia, que favorecerá debates, análises, estudos e reflexións, tanto desde unha perspectiva sincrónica como a través do tempo, sobre as distintas manifestacións dunha constante histórica como é a violencia. O profesor do Departamento de Ciencia Política e da Administración da USC Antón Losada Trabada abrirá o 22 de abril esta décima edición do Curso de Primavera da USC cun relatorio que se desenvolverá baixo o título ‘A violencia como cortada política’ e no que abordará unha das diferentes liñas temáticas nas que pretende afondar este programa. Os novos movementos sociais de protesta, o renacer de forzas políticas extremistas, violentas por definición, ou o problema da violencia de xénero na sociedade actual son outras das cuestións que serán abordadas no marco deste programa formativo e de divulgación da USC que citará citará preto de 30 relatores no campus lugués do 22 ao 25 de abril.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.04.2014.