A Insignia ‘Pro-Meritis’ recoñece a título póstumo a “longa e importante traxectoria” de José Luis Gómez Amoza

A USC rendeu tributo este venres ao catedrático do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, José Luis Gómez Amoza, logo do seu pasamento no verán de 2020. A súa filla, Silvia Gómez Anca, quen recentemente rematou os estudos de Medicina na USC, foi a encargada de recoller a Insignia Pro-Meritis que a Facultade de Farmacia “entrega ao persoal cunha longa e importante traxectoria no centro”, subliñou o decano Francisco Otero Espinar.
O acto institucional estivo presidido polo reitor Antonio López, e no mesmo tomaron parte, alén do decano do centro, a actual directora do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Dolores Viña Castelao; e en representación do grupo de investigación I+D Farma, Ángel J. Concheiro Nine. “Actos deste tipo encarnan o sentir xeral ante o pouso que deixa xente como José Luis Gómez Amoza ao tempo que serven para deixar constancia da admiración, o respecto e o aprecio que lle temos”, sinalou Antonio López. “Somos unha institución con máis de 500 anos de historia pero esa historia non a conforman só os edificios, a historia é froito das persoas que dedican a súa vida e o seu traballo á institución”, engadiu.
Logo da entrega da insignia, desenvolveuse a táboa redonda ‘José Luis Gómez Amoza: In memorian’, presidida polo profesor Ramón Martínez Pacheco, director de tese do propio Gómez Amoza; e na que tomaron parte a profesora emérita Maribel Cadavid Torres; o profesor José Fariña, catedrático de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica da Universidade de La Laguna; e José Manuel Leiro Vidal, catedrático de Parasitoloxía da USC. A sesión finalizou cunha proxección de imaxes elaborada pola profresora Carmen Remuñán López.
Recoñecida traxectoria
O catedrático da USC José Luis Gómez Amoza finou o pasado verán cando exercía como director do Departamento de Farmacoloxía, Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica. Licenciado en Farmacia pola Universidade de Santiago de Compostela, Gómez Amoza iniciou a súa carreira investigadora en 1982. Ao ano seguinte, comezou a súa carreira docente como profesor axudante de clases prácticas no mesmo departamento do que logo sería director, continuando como profesor colaborador (1986-1987), profesor titular (1987), ata que finalmente foi nomeado catedrático en 2012.
Impartiu a meirande parte da súa docencia na licenciatura e no grao de Farmacia e no mestrado de I+D de Medicamentos, “nos que estaba moi ben considerado entre os seus alumnos”, explica o decano da Facultade de Farmacia, Francisco Otero Espinar. Formou a un número importante de investigadores que actualmente desenvolven a súa actividade en diferentes universidades e na industria farmacéutica. Desempeñou, asemade, diferentes postos de xestión universitaria, sendo secretario e posteriormente director do Instituto de Farmacia Industrial. No intre do seu pasamento, Gómez Amoza era coordinador do grupo de investigación de referencia competitiva da USC ‘I+D en formas de dosificación e sistemas de liberación de medicamentos’.