Unha investigación pon o foco nos obstáculos á innovación en países en desenvolvemento

O investigador da USC Fernando Souza de Oliveira estudou na súa tese de doutoramento a natureza dos obstáculos á innovación en empresas potencialmente innovadoras en Ecuador, Uruguai e Perú. Os resultados demostran que as barreiras de coñecemento, de mercado e económicas son percibidas con maior forza polas empresas ecuatorianas que participan en actividades innovadoras.
Esta investigación integra nun mesmo estudo a identificación das diferentes dimensións analíticas -os determinantes, os efectos e as complementariedades dos obstáculos- nun contexto específico como son os países en desenvolvemento; así como a consideración da categoría de empresas potencialmente innovadoras como suxeitos de investigación. Esta integración permite unha comprensión máis consistente das dificultades ás que se enfrontan.
Ao tratar de satisfacer a primeira dimensión e explicar como a relación entre as características da organización e as actividades innovadoras determina os diferentes obstáculos á innovación, empregáronse, en primeiro lugar, datos de 5.477 empresas potencialmente innovadoras a partir da Enquisa de Actividades de Innovación Nacional de Ecuador para o período 2009-2014. En segundo lugar, utilizáronse datos de 3.098 empresas uruguaias potencialmente innovadoras da Enquisa de Innovación da Industria uruguaia para o período 2001-2015 co obxecto de explicar os efectos dos obstáculos na produtividade xeral e a produtividade innovadora da empresa. En terceiro lugar, partindo dun conxunto de datos de 1.725 empresas potencialmente innovadoras da Enquisa Nacional de Innovación na Industria Manufactureira de Perú para o período 2009-2014, analizáronse as complementariedades dos obstáculos destas empresas peruanas.
Resultados
“A partir dun modelo de variable dummy, os resultados demostran que as barreiras de coñecemento, de mercado e económicas son percibidas con maior forza polas empresas ecuatorianas que participan en actividades innovadoras”, apunta o investigador. En xeral, continúa, aínda que comprometidas con actividades innovadoras, a percepción máis forte das pequenas empresas sobre as barreiras mostra que o perfil innovador non se traduce necesariamente en menor dificultade; así e todo, a experiencia das empresas demostrou o oposto. “As pequenas empresas que enfrontan dificultades presentan un certo efecto de aprendizaxe a partir da súa propia experiencia en innovación, e diso infírese que as dificultades acaban sendo tan importantes para o proceso de innovación como o é a innovación implementada”, constata Souza de Oliveira.
Á súa vez, explica Souza de Oliveira, a estimación de ecuacións de estimación xeneralizadas revela unha certa homoxeneidade interna na relación dos obstáculos das empresas uruguaias coas dúas produtividades estudadas. No caso das empresas peruanas, a aplicación dunha análise factorial exploratoria, os resultados revelan semellanzas na natureza da complementariedade e diferenzas na importancia dos obstáculos nos dous grupos de empresas potencialmente innovadoras. “En particular, os resultados relativos a empresas involucradas en actividades de innovación (revealed barriers) evidencian que o conxunto de factores económicos é máis complementario, mentres que as empresas que non levan a cabo actividades innovadoras (deterring barriers) son máis susceptibles aos factores do mercado”, sinala.
Pertinencia da investigación
As iniciativas dirixidas a analizar os factores que dificultan a innovación avanzaron nos últimos anos coa intención de igualarse aos esforzos dirixidos a comprender os determinantes do éxito da innovación, afirma Souza de Oliveira. “Os estudos realizados ata o momento sinalan insuficiencias na literatura con respecto á análise dos países en desenvolvemento como parámetro territorial analítico. Por outra banda, a maioría dos estudos existentes baséanse nunha clasificación que discrimina as empresas innovadoras das non innovadoras”, apunta.
O acto de defensa da tese tivo lugar no salón de graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais, sendo recoñecido o traballo coa mención de Doutoramento Internacional e obtendo a cualificación de Sobresaliente Cum Laude. Como resultado da tese, publicáronse diversos artigos en revistas científicas internacionais de alto impacto, así como contribucións a congresos de ámbito internacional. Esta investigación realizouse no marco do programa de doutoramento en Economía e Empresa da USC, baixo a dirección de Óscar Rodil Marzábal, investigador do grupo Innovación, Cambio Estrutural e Desenvolvemento (ICEDE) e membro da Agrupación Estratéxica no eido das Tecnoloxías Ambientais da USC (CRETUS).