Ir o contido principal
STG

Unha investigación recupera catro textos xacobeos inéditos anteriores ao ‘Códice Calixtino’

A copia máis antiga da Concordia de Antealtares. FOTO: Arquivo Histórico da USC
A copia máis antiga da Concordia de Antealtares. FOTO: Arquivo Histórico da USC
O profesor Joel Varela elaborou unha monografía que incorpora novas versións do relato da traslación, clave para a historia das peregrinacións a Compostela

O profesor da Facultade de Filoloxía Joel Varela Rodríguez acaba de publicar en USC Editora o volume Más allá del Códice Calixtino. Otros textos en torno a Santiago el Mayor hasta el siglo XII, no que se recollen catro textos xacobeos inéditos anteriores á famosa guía medieval para as peregrinacións a Compostela. No libro recóllense ademais textos ou fragmentos de textos xa coñecidos e moi relevantes para o coñecemento do culto xacobeo, dende as súas orixes máis antigas ata o ano 1200, algúns deles revisados.

Os textos que recolle a obra preséntanse na súa versión orixinal, xunto coa súa correspondente tradución e comentario e completa o estudo unha ampla introdución literaria e histórica. O profesor Varela recibiu para desenvolver este proxecto unha axuda da Cátedra Institucional do Camiño de Santiago e das Peregrinacións da Universidade de Santiago, grazas á V Convocatoria de Axudas á Investigación sobre o Camiño de Santiago e as Peregrinacións-2023, froito da colaboración entre USC e Turismo de Galicia.

“Os textos inéditos máis reseñables son catro novas versións do relato da traslación, a Translatio sancti Iacobi, todas elas probablemente da segunda metade do século XI e tamén probablemente escritas en Compostela, aínda que están conservadas só en manuscritos extrapeninsulares. De entre estes os únicos que se encontran en acceso aberto son dous da biblioteca estatal de Múnic: son os códices Clm 2552 e Clm 3704”, explica Joel Varela, quen é docente da Área de Filoloxía Latina do Departamento de Filoloxía Clásica, Francesa e Italiana da USC.

Outro texto relevante, conforme indica o investigador, é “a Concordia de Antealtares, que recolle a versión máis extensa do achado da tumba de Santiago. Non estaba inédita, pero só existían transcricións das copias e non do documento máis antigo, que foi modelo das outras copias conservadas e que se conserva no Arquivo Histórico Universitario da USC”.

A orixe do fenómeno histórico das peregrinacións a Compostela, segundo o profesor Varela, non se comprende sen unha serie de textos, de procedencia e cronoloxía diversa, que lexitiman e dan veracidade aos distintos factores que motivan esas peregrinacións: a predicación do apóstolo Santiago o Maior na Península Ibérica, a translación do seu corpo a Galicia e o achado milagroso da súa tumba en Compostela. Algúns destes textos pasaron a configurar o chamado Liber Sancti Iacobi, cuxo testemuño máis antigo e importante, o Códice Calixtino, é hoxe ben coñecido, existindo unha transcrición recente e traducións anotadas a diversas linguas.

Con todo, ata finais do século XII aproximadamente, puxéronse por escrito outra serie de textos que non foron incorporados ao Liber sancti Iacobi e que, en moitos casos, son de importancia capital para a comprensión do fenómeno xacobeo; por exemplo, a Concordia de Antealtares, a Epístola do papa León ou varios himnos na honra de Santiago, así como os primeiros testemuños de peregrinacións a Compostela. A pesar da relevancia histórica destes textos, ata agora moitos estaban dispoñibles só en edicións dispersas e de difícil acceso. Por outra banda, practicamente ningún destes textos, todos eles en latín, contaba cunha tradución a unha lingua moderna.

O obxectivo do proxecto de Joel Varela foi reunir todos os textos referentes ao apóstolo Santiago en Compostela e ás peregrinacións xacobeas ata finais do século XII, momento no que termina de configurarse o canon fundamental, para logo traducilos ao castelán para facilitar a súa difusión entre a comunidade investigadora das rutas xacobeas, cunha pertinente introdución histórica e as correspondentes anotacións.

Así, a monografía pon ao dispor da comunidade académica a primeira compilación e tradución de todos estes textos, facilitando o seu acceso a especialistas do fenómeno xacobeo en Historia, Historia da Arte ou Filoloxía cando precisen recorrer a estas fontes textuais para as súas investigacións, e ao mesmo tempo difunde entre o público xeral esta colección de textos.
 

Os contidos desta páxina actualizáronse o 11.11.2024.