Unha investigación da USC contribúe á mellora das prácticas plurilingües nos centros educativos de Galicia

A investigación de doutoramento que vén de presentar na Facultade de Filoloxía o licenciado ourensán en Ciencias da Educación David González Gándara baixo o título ‘Análise do discurso na aula CLIL. Os efectos das dimensións das tarefas na produción oral na L2’ antóllase como un documento de traballo acaído para contribuír á mellora das prácticas plurilingües nos centros educativos de Galicia.
A tese presentada por González Gándara logo de completar o Máster en Lingüística Inglesa Aplicada, é o resultado dun traballo dirixida polo profesor Ignacio Miguel Palacios Martínez e enfocada ao estudo do ensino bilingüe na educación primaria en Galicia. Daquela, esta investigación describe un estudo de caso dunha aula de primeiro e segundo de educación primaria na que o alumnado recibía as áreas de ciencias naturais e plástica en lingua inglesa.
Para a elaboración da tese de doutoramento, González Gándara realizou gravacións durante o desenvolvemento de tarefas comunicativas nas clases bilingües. As transcricións destas gravacións foron analizadas nun método mixto, cualitativo e cuantitativo.
O obxecto deste exhaustivo estudo, comenta González Gándaras é o de achegar un documento ou ferramenta de axuda para contribuír á mellora das prácticas plurilingües nos centros educativos galegos. Así, a partir dos resultados obtidos ofrécense orientacións pedagóxicas para que tanto o alumnado como o profesorado utilice a lingua estranxeira nunha maior medida tanto en seccións bilingües como en centros plurilingües.
As conclusións extraídas tras a análise dos resultados indican que as tarefas da aula que propician o uso da lingua estranxeira por parte do profesorado e o alumnado son aquelas que aportan maior soporte contextual e implican máis ó alumnado na xeración de input e ouput. A presencia de auxiliares de conversa na aula tamén resultou ser positiva para unha maior produción da lingua estranxeira.
Tribunal de tese e cualificación
O tribunal encargado de avaliar esta tese de doutoramento estivo presidido pola profesora da USC Teresa Fanego, á que acompañaron como membros do xurado os profesores Andrés Canga Alonso, da Universidade de La Rioja, e Marian Amengual, da Universidade das Illes Balears. O tribunal acordou por unanimidade conceder a cualificación de sobresaínte cum laude a esta investigación de doutoramento.