Ir o contido principal
STG

Unha investigación da USC pon en valor o poder que ostentaban fidalgas e burguesas na Compostela medieval

Mulleres nunha ilustración das 'Cantigas de Santa María' de Afonso X O Sabio
Mulleres nunha ilustración das 'Cantigas de Santa María' de Afonso X O Sabio
María Luz Ríos constata que as mulleres das familias ricas e nobres exhibían o seu elevado status pero tamén promovían a asistencia social fundando e xestionando hospitais

As mulleres das familias fidalgas e burguesas tiveron un papel importante na sociedade santiaguesa na Idade Media, na que foron quen de exhibir o seu status social e preservar a súa memoria e a da súa liñaxe a través de accións como a promoción da asistencia social, fundando e xestionando hospitais ou lembrándose das persoas menos favorecidas nas súas mandas testamentarias. Así o explica María Luz Ríos Rodríguez no libro Mujer, vida y memoria en la Compostela medieval, que publicou recentemente Edicións USC.

María Luz Ríos, doutora en Historia Medieval pola USC, culminou a súa traxectoria docente e investigadora como catedrática de Historia Medieval na Universidade compostelá. Nesta obra analiza polo miúdo os datos que achegan os documentos da época para poñer no foco de atención o papel social das mulleres das familias máis relevantes da cidade, tema que non fora suficientemente estudado pola historiografía ata tempos recentes. Segundo explica, os seus roles “son semellantes aos das mulleres de familias ricas e nobres doutros puntos de Galicia”, mantendo sólidas relacións sociais; son conscientes, ademais, do seu elevado status, e de que a súa imaxe é relevante para mostrar o seu poder: a súa elevada posición na sociedade transmítese a través de detalles coma as doas -adobíos e xoias- das damas, as súas vestiduras ou os lugares onde viven ou onde se enterran, ás veces coa elevación de monumentos funerarios.  

Pero o feito de que sexan mulleres nunha boa posición social non quere dicir que esqueceran as persoas menos afortunadas: “promoven a realización de obras de asistencia social ou fundacións relixiosas como igrexas e mosteiros, e aseguran con elas a preservación da súa memoria e da súa liñaxe”, ao tempo que “buscan a súa salvación espiritual” nunha época na que a relixión xoga un papel moi relevante na vida individual e social; ademais, nos seus legados testamentarios non esquecen as persoas desfavorecidas. Pero tamén procuran a realización de obras públicas como as relacionadas coa condución de augas, caso de Maior Aras, que por un lado benefician a toda a cidadanía pero por outro tamén lle supoñen unha mellora nas súas propiedades, xa que posúe hortas fóra das murallas compostelás que recibirían así auga para a rega.

O poder feminino descansa en bens mobles, inmobles e semoventes. A orixe dos bens e o status social marca a diferente capacidade de uso: por exemplo as mulleres casadas reciben un dote como arras do seu marido ou da súa familia; estes dotes son de libre disposición das mulleres, pero ten que consentir o uso dos bens o seu marido. O poder que posúen as mulleres de maior status social, con todo, diminuirá a partir do século XIII cando se implanta para a distribución das herdanzas o dereito romano, que non é igualitario e que permite establecer unha mellora para un dos herdeiros, que frecuentemente será un varón. A pesar diso, hai casos coma o de Sancha Martín de Tudela que establece a mellora sobre a súa filla María.

O papel das mulleres compostelás no complexo sistema de asistencia social da cidade medieval foi moi importante: á beira das iniciativas da Igrexa sitúanse as de monarcas e nobres, e desde o século XII a burguesía súmase e mulleres e homes atenden por igual as necesidades da poboación máis desfavorecida: viúvas, orfos, pobres e peregrinos, sobre todo. As mulleres son quen de xestionar establecementos coma o Hospital Maior, que estaba situado entre San Martiño Pinario e a Acibechería e cuxa portada preside hoxe a fachada principal de San Xerome, o edificio do reitorado da USC; Elvira Pego xestiona ese hospital arredor de 1480

Na segunda parte do volume Luz Ríos presenta a historia de mulleres concretas. Entre elas podemos citar a Teresa Sánchez de Ulloa, dona do cambiador Pedro Vidal: un casamento que exemplifica ben a unión entre burguesía e fidalguía, pois os privilexios das familias nobres eximen os burgueses de pagaren impostos; ou Leonor González, que levanta unha capela no cemiterio de Santiago na Quintana de Pazos, cuxo tímpano está hoxe no Museo da Catedral.

Outra figura salientable da época medieval é Teresa Sánchez de Gres, santiaguesa que enraíza por matrimonio nas terras de Deza e Orcellón, outorga testamento en Santiago pero lembra nel o clero pobre e os campesiños daquelas bisbarras. E Marina Fernández de Tudela, “unha muller de extraordinaria determinación”, funda un hospital para pobres en Santiago, en Santa Cristina da Pena, en 1333, e dótao con rendas que producen propiedades situadas arredor da cidade.

María Luz Ríos Rodríguez estudou a biografía das compostelás máis relevantes na Idade Media
María Luz Ríos Rodríguez estudou a biografía das compostelás máis relevantes na Idade Media
Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.08.2024.