Ir o contido principal
STG

Un investigador da USC explica nunha publicación a represión franquista no Concello de Arzúa

Presentada na USC unha publicación sobre a represión franquista en Arzúa
Presentada na USC unha publicación sobre a represión franquista en Arzúa
O libro 'Os remendos da memoria. A represión franquista no Concello de Arzúa (1936-1950)' presentouse hoxe na Facultade de Xeografía e Historia

O investigador da USC Daniel Lanero presentou este mércores, día 16, o seu libro Os remendos da memoria. A represión franquista no Concello de Arzúa (1936-1950), editado polo propio concello coruñés. Ao acto, celebrado na Facultade de Xeografía e Historia, tamén asistiron o vicerreitor de Relacións Institucionais, Lourenzo Fernández; o alcalde de Arzúa, Xaquín García Couso; e o profesor de Historia Contemporánea da USC, Xesús Balboa.
No transcurso da presentación, Daniel Lanero falou das dificultades ás que se enfrontou ao facer a investigación sobre as vítimas e demandou que, de cara ao futuro, cómpre empezar a estudar a historia social e cultural dos represores. Na mesma liña, Lourenzo Fernández reclamou ampliar os obxectivos da memoria histórica profundando nos motivos que crearon aos verdugos de dita represión, “feito que, na actualidade, non é posible”.
Pola súa banda, o alcalde aclarou que a publicación xurdiu enmarcada nun convenio de colaboración entre o Concello de Arzúa e a USC asinado en 2004 co fin de traballar pola recuperación da memoria das vítimas que merecían unha compensación moral pola represión á que se viron sometidas.
Os remendos da memoriaO volume, dividido en cinco capítulos, aborda cuestións como os anos republicanos na zona, reflexións sobre o concepto de “violencia política”, a natureza da represión franquista e os seus tipos e formas, diferenciando, represión física, económica, social, cultural e psicolóxica.
Ademais, nos dous últimos capítulos, a publicación profunda en casos particulares coma, por exemplo, o asasinato do último alcalde republicano de Arzúa, Juan Manuel Vidal García. O autor destaca a morte desta figura que tivo unha serie de connotacións aleccionadoras para o conxunto da comunidade arzuá, da cal era o máximo representante político.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.05.2007.