Ir o contido principal
STG

Unha investigadora de Matemáticas premiada pola Rede Española de Topoloxía

A investigadora da Facultade de Matemáticas da USC María Pérez Fernández de Córdoba acadou o primeiro premio concedido pola Rede Española de Topoloxía por un póster presentado no encontro anual que se celebrou a finais de novembro en Zaragoza. O traballo presentado por Fernández de Córdoba forma parte da súa tese de doutoramento sobre número de ramificación e percolación de pseudogrupos dirixida polo profesor Fernando Alcalde.

A Topoloxía é unha rama da denominada matemática pura que estuda as propiedades dos corpos xeométricos que non se ven alteradas polas deformacións. O póster premiado nesta área foi valorado polo seu nivel científico, a orixinalidade temática e a propia estética. Trátase dun traballo nun contexto teórico das matemáticas que estende o proceso de percolación á teoría das foliacións, que son superficies que se apilan localmente do mesmo xeito que as follas dun libro. Unha das aplicacións prácticas deste traballo é o estudo das correntes subterráneas en terreos estratificados nos que varía o grao de porosidade en función da capa de terreo. A teoría da percolación e a fluidez da auga en correntes soterradas Segundo explica a propia investigadora, o concepto percolación fai referencia á filtración dun fluído nun medio poroso. A teoría da percolación xurde a mediados do século vinte co obxectivo de modelar o comportamento das correntes subterráneas ademais doutros procesos físicos aleatorios como pode ser a propagación dunha enfermidade, o fluxo de correntes eléctricas ou a conectividade de redes informáticas como podería ser Internet. Fernández de Córdoba engade que a da percolación é unha combinación da teoría de grafos coa teoría da probabilidade e permite estudar a transición dun estado a outro. A investigadora matemática cita o exemplo das correntes subterráneas, neste caso estudaríase a probabilidade de que a auga flúa en función do grao de porosidade do terreo.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 03.12.2010.